O Concello de Ponteareas recoñeceu en Madrid a importancia do vínculo establecido coas delegacións de alfombristas de todo o mundo. Fíxoo no acto de presentación do Corpus Christi 2025 na Casa de Galicia en Madrid nun acto presidido pola alcaldesa Nava Castro, o director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, e o tenente de alcaldesa Juan Carlos Carrera acompañados da concelleira de Turismo, Raquel Bautista.
Durante o acto, o Concello entregou aos embaixadores de Bélxica, Italia, Malta e ao secretario primeiro da embaixada de Polonia un diploma como símbolo da unión creada a través da arte efémera das alfombras, tamén llo entregou á representante do Instituto de Cultura de Polonia, en quen delegou a embaixada.
Declaración da UNESCO
Ante un numeroso público, Concello, Casa de Galicia e embaixadores fixeron un percorrido pola historia das alfombras de Corpus Christi de Ponteareas salientando a capacidade da arte para unir pobos. Xustamente un dos factores que tiveron en conta o Museo do Pobo Galego, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega para informar favorablemente e que o Consello da Xunta de Galicia declarara as festas do Corpus Christi de Ponteareas Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría do patrimonio inmaterial. Agora o Concello agarda a resposta da UNESCO logo de presentar o ano pasado a súa candidatura.
“Cada ano delegacións de alfombristas visitan o noso pobo para facernos unha demostración da súa arte e integrarse no percorrido de máis dun quilómetros de alfombras. Bruxelas, Guatemala, Italia, Portugal, México, Arxentina, Malta, Polonia, Xapón, ou Bélxica son algúns dos países que enriqueceron o noso percorrido ano tras ano. E por suposto non quero deixar atrás o noso irmandamento de máis de corenta anos coa vila canaria de La Orotava”, manifestou a alcaldesa.
Corpus Christi 2025 en Ponteareas
O tenente de alcaldesa convidou aos presentes a visitar os portais alfombristas que xa traballan esfollando e colleitado flores e elementos vexetais, así como á conferencia “Pasado ancestral das alfombras florais. Conciencia e compromiso, de Galicia á Unesco” da arqueóloga Ana Filgueira. Tamén adiantou a data da presentación da revísta Pregón na que numerosos articulistas recollen a importancia e tradición das nosas xentes ao longo da historia seguida dun videomapping de Corpus. Ademais, enumerou eventos como o espectáculo de luces e concerto de Xosé Manuel Budiño, a exposición “Corpus en Flor” e a lectura do pregón a cargo do ciclista e alfombrista ponteareán Borja Gómez Méndez.
“Tamén inauguraremos a exposición “Corpus inclusivo” e recibiremos ás delegacións alfombristas que chegarán desde as cidades portuguesas de Melgaço, Monçao, Viana do Castelo, Caminha e Arcos de Valdevez. Ademais visitaranos o embaixador de Malta, hoxe aquí presente e unha representación da Worshipful Company of Gardeners de Reino Unido”, explicou o tenente de alcaldesa.
O sábado día 21 ás 18:00 horas comezarán a confeccionarse as tradicionais alfombras de flores de Corpus. O domingo 22, día de Corpus Christi, os actos comezarán ás 10:30 horas sendo a misa ás 11:30 horas cantada pola Coral do Centro Artístico Sportivo seguida da procesión de Corpus Christi que este ano estará acompañada pola Banda de Cornetas e Tambores da Coroación de Espiñas de Córdoba.
«Todo isto complétase con música de verbenas, actividades infantís, fogos artificiais, conferencias, talleres de arte e eventos deportivos e a cada un deles están vostedes convidados», segundo indican desde o Concello de Ponteareas.
Ben de Interese Cultural
Esta declaración valora tanto a festividade como os rituais, cerimonias e técnicas artesanais tradicionais asociadas a ela. Deste xeito, recoñécese que o Corpus Christi constitúe un ritual festivo recoñecido polo seu uso social e cerimonial cunha alta pegada de coñecementos populares sobre a natureza, os elementos naturais e os ciclos do campo. Ademais, ponse en valor a confección dun conxunto artístico dotado de variadas representacións e símbolos, cunha significación cultural que vai máis alá do ámbito relixioso para vincularse coa cultura popular.
A máxima protección desta festa débese, tamén, ao «elevado coñecemento e desenvolvemento de técnicas artesanais tradicionais e un proceso de creación do conxunto ornamental, alfombras florais, cruceiros vexetais ou altares que conforman arquitecturas efémeras».
A declaración BIC do patrimonio inmaterial susténtase, ademais nos actos que se desenvolven ao «redor do Corpus Christi e nas funcións sociais como a de lograr a integración dos participantes e da veciñanza da vila». Precisamente, recolle o seu potencial como activo económico de base cultural e salienta o sistema de organización e de integración social en círculos de relacións persoais e grupais da veciñanza, así como a gran acollida aos visitantes.