O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego activará este mércores unha nova edición dos bonos Activa Comercio coa previsión de mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas nos negocios de proximidade adheridos.
Tal e como sinalou o titular do Executivo galego, «esta medida está destinada a axudar a que a cidadanía aforren nas súas compras e impulsar un sector clave para a economía e vitalidade das vilas e cidades como é o comercio».
O Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración sobre a primeira edición dos bonos Activa Comercio de 2025, co obxectivo de consolidar esta medida como unha ferramenta clave para incentivar as vendas e reforzar o vencello da cidadanía co seu comercio de proximidade.
Descontos do Bono Activa Comercio 2025 en Galicia
Rueda sinalou que a iniciativa contará cun orzamento de 2,5 millóns de euros para descontos de ata “30€ por beneficiario” coa previsión de mobilizar en vendas arredor de “8,5 millóns de euros”. As bases para as persoas usuarias publicaranse mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), co fin de que poidan descargar os bonos “esta mesma semana”, a partir do mércores 4 de xuño.
En total, o Goberno galego ten previsto destinar inicialmente 5 millóns de euros durante 2025 a esta campaña, o que contribúe a fortalecer tanto a economía de proximidade como a competitividade do sector. Como novidade, este ano a adhesión dos establecementos á campaña —cuxo prazo abriu o pasado martes 20 de maio— realizarase unha única vez para todas as edicións, «o que reflicte así o compromiso da Xunta coa simplificación administrativa e cun modelo de xestión máis áxil», segundo indican desde a administración autonómica.
O titular do Goberno galego referiuse ao «rotundo éxito das edicións anteriores que avala a continuidade desta medida, que ten demostrado a súa capacidade para activar o consumo e apoiar o pequeno comercio». Desde a súa posta en marcha no ano 2021, o programa permitiu mobilizar “preto de 100 millóns de euros” no comercio retallista galego. Só no ano 2024, a Xunta destinou 7,5 millóns de euros en descontos, que impulsaron 600.000 transaccións comerciais nas catro provincias, o que xerou un volume de vendas de arredor de 34 millóns de euros nos máis de 7.500 establecementos adheridos.
Cando se pode descargar o Bono Comercio 2025?
O presidente destacou que “a partir de este mércores 4 de xuño” ás 9,00 horas, as persoas consumidoras interesadas poderán descargar un bono desconto de 30 euros na web www.bonosactivacomercio.gal para empregar directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos —que poden seguir sumándose á campaña ata o esgotamento do crédito da convocatoria—. Desde a Xunta, inciden en que «os bonos están pensados para fomentar o consumo no momento da compra, o que favorece así a dinamización inmediata do comercio local».
Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono nesta primeira edición da iniciativa en 2025. Non hai límite de usuarios, pero, unha vez esgotado o crédito total de 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo que non se teñan consumido na súa totalidade.