Salvaterra de Miño acollerá a XII Festa do Viño Espumoso de Galicia os días 4, 5 e 6 de decembro, unha festividade que funciona como punto de encontro para poñer en valor os espumosos galegos, a gastronomía e a cultura.
A festividade foi presentada nun acto que contou coa participación de Martín Alemparte, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), do presidente da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, Antonio Alén; e a concelleira de Cultura do Concello de Salvaterra, Lorena Soto.
Durante o acto, os alí presentes no acto destacaron a “importancia desta celebración para promocionar os espumosos galegos, apoiar o sector vitivinícola e dinamizar a actividade económica, turística e cultural do municipio”.
Durante a presentación púxose de manifesto o potencial dos espumosos galegos como “produtos de calidade diferenciada”, capaces de “representar a singularidade dos territorios vitivinícolas, poñer en valor as variedades autóctonas e o saber facer das adegas galegas, así como contribuír á diversificación da oferta enoturística e gastronómica”.
Programación
A programación combinará a promoción e degustación de espumosos de Galicia cunha proposta gastronómica e cultural.
Así, a música terá un protagonismo especial coas actuacións de Meizoi, D’Crooners, Laura Marino & Iker Faure, Alteanos, Mambas Negras, Cadencia Rota, Urbano Cabrera e Somoza Trío.
Ademais, o público poderá gozar dunha degustación de cócteles elaborados con espumosos e os máis pequenos tamén terán o seu espazo cun obradoiro de globoflexia, pensado para que as familias poidan participar e gozar da celebración.

