HomeNewsActualidadeGalicia encara o Xacobeo 2027 cun "modelo consolidado" de calidade e sostibilidade...

Galicia encara o Xacobeo 2027 cun “modelo consolidado” de calidade e sostibilidade turística

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, vén de participar na mesa redonda ‘Sostibilidade certificada ou greenwashing? Do compromiso á evidencia’, celebrada no marco do TIS – Tourism Innovation Summit 2026, onde compartiu un debate con expertos do ámbito da sustentabilidade turística no que analizaron os novos estándares que deben cumprir empresas e destinos.

Xosé Merelles compartiu mesa co profesor de Marketing de Sustentabilidade da University of Surrey, Xavier Font, e coa directora de Turismo Sostible de Aragón, Nita Macía Losada. O encontro estivo moderado polo director xeral do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES), Fernando Fraile García.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia puxo en valor a traxectoria do territorio galego en materia de calidade e sustentabilidade turística certificada, e subliñou que este compromiso “ten que estar respaldado por feitos, por indicadores e por sistemas que permitan comprobar que os compromisos se cumpren”. Ademais, defendeu a necesidade de avanzar cara a un modelo turístico no que “a sustentabilidade poida demostrarse mediante datos, estándares recoñecidos e sistemas de certificación”.

Galicia é a segunda comunidade autónoma de España en número de certificacións Q de Calidade Turística, con arredor de 320 establecementos distinguidos, só por detrás de Andalucía. Así mesmo, ocupa a terceira posición en certificacións S de Sustentabilidade Turística, con máis dun centenar de establecementos, empresas e recursos acreditados.

Neste contexto, Xosé Merelles lembrou a colaboración estable da Xunta co ICTES desde hai máis de dúas décadas, no marco dunha estratexia orientada a elevar de maneira constante os estándares de calidade do sector turístico galego e a preparar o destino ante grandes acontecementos, como o Xacobeo 2027. “Galicia leva moitos anos traballando para que a calidade e a sustentabilidade formen parte da xestión ordinaria do noso destino. O obxectivo agora é seguir avanzando para que cada vez máis establecementos e recursos poidan acreditar ese compromiso”, sinalou.

Esta aposta estendeuse tamén á rede pública de albergues. En 2026, a Rede Pública de Albergues do Xacobeo, dependente de Turismo de Galicia, recibiu o Premio Q do ICTES pola súa aposta pola sustentabilidade. En 2025, un total de 25 albergues da rede acadaron a certificación S de Sustentabilidade Turística, mentres que actualmente son 31 os albergues galegos que contan con esta acreditación.

O director de Turismo de Galicia vinculou tamén a sustentabilidade coa capacidade de coñecer e xestionar os fluxos turísticos a partir de datos obxectivos, especialmente nun recurso de dimensión internacional como o Camiño de Santiago. “A Xunta dispón dunha rede de sensores que permite monitorizar os fluxos de peregrinos en diferentes itinerarios xacobeos e coñecer a súa evolución, os puntos de maior afluencia e os percorridos máis utilizados”, subliñou.

Esta medición permite “tomar mellores decisións, anticiparnos ás necesidades do destino e xestionar de forma máis eficiente os recursos. Esta información será especialmente importante ante o vindeiro Ano Santo”, engadiu Xosé Merelles.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS