HomeNewsActualidadeCarlos Fer presenta este venres o catálogo de Relicario en Tui

Carlos Fer presenta este venres o catálogo de Relicario en Tui

Tui acollerá este venres, 9 de outubro, ás 18:00 h na Catedral de Santa María a presentación do catálogo de “Relicario” do tudense Carlos Fer. Esta intervención artística está deseñada especificamente para este lugar coincidindo coa celebración dos oitocentos anos da consagración do templo catedralicio.

Esta instalación leva presente na nave central da catedral dende finais do pasado mes de xuño e que agora amplíase ata o 30 de novembro. A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, manifesta que “estamos diante dun dos proxectos máis ilusionantes do programa de actividades desta efeméride pois integra aspectos de ampla proxección: unha “exposición” de arte contemporánea nun espazo patrimonial marcado pola arte románica e gótica, nunha mestura certamente atrevida e atractiva”. Engade que un segundo aspecto deriva do autor deste proxecto, o artista tudense Carlos Fer, que xunto á súa mocidade presenta unha traxectoria artística de grande alcance, e que significa a primeira ocasión en que amosa a súa obra artística na súa cidade natal.

A concelleira tudense agradece a colaboración do Cabido da Catedral tudense para a realización desta intervención artística que está financiada integramente polo Concello de Tui, ao igual que o catálogo que agora se presenta. Este catálogo está deseñado por Jorge Prado de Studio Studio, conta coas fotografías de Omar Oubiña e os textos de Carlos Fer.

Como sinala Carlos Fer, “o noso proxecto pon en relación dous mundos. Dun lado, o patrimonio histórico, a fábrica medieval, o retablo barroco, as reliquias custodiadas durante séculos, toda a herdanza material e espiritual que a catedral conserva. Do outro, as ferramentas do presente, o escaneado tridimensional, a modelaxe dixital, a impresión 3D, os materiais sintéticos que a industria contemporánea puxo ao noso alcance. A peza toma o máis antigo da catedral, as súas reliquias, e tradúceo co máis novo, a documentación e fabricación dixital, para devolvelo convertido noutra cousa que segue sendo, no fondo, a mesma”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS