HomeNewsActualidadeO Porriño busca aos novos talentos da música co concurso "Tes talento?"...

O Porriño busca aos novos talentos da música co concurso “Tes talento?” 2026

O Concello do Porriño pon en marcha unha nova edición do Concurso de Novos Talentos Musicais Val da Louriña 2026 Tes talento? , unha iniciativa pensada para promover e dar visibilidade aos músicos emerxentes e afeccionados de calquera estilo musical. Un concurso que ten atraído xa grandes voces como Noemí Fernández, Laura Vaqueiro, Raúl Ben, Erika Lewis ou Antía Caride. 

O certame estrutúrase en dúas categorías: Infantil (ata os 15 anos inclusive) e Adultos (a partir dos 16 anos). En ambas modalidades poderán participar tanto solistas como formacións musicais, que disporán dun máximo de tres minutos por actuación sobre o escenario. A organización facilitará toda a instrumentación e o backline necesario para garantir que todos os participantes compitan en igualdade de condicións.

Programación dos concertos

Tras unha fase preliminar pechada ao público na que a organización seleccionará aos participantes, os concertos en directo celebraranse na Praza 8 de Marzo, sendo ademais unha cita moi atractiva para o público en xeral. Así a semifinal terá lugar o venres, 3 de outubro, a partir das 19:00 horas. A final será o sábado, 4 de outubro, a partir das 17:00 horas (a entrega e desenvolvemento da fase final pecharase arredor das 18:00 h).

Premios e valoración

O certame contará cun xurado impar que avaliará a calidade técnica e artística das interpretacións. Na categoría de adultos, o gañador levará un primeiro premio de 1.000 euros e a produción dun tema propio valorada en 600 euros. O segundo e terceiro clasificado recibirán 400 e 250 euros, respectivamente. Na modalidade infantil, os tres finalistas serán galardoados cun trofeo e un lote de produtos escolares.

Como inscribirse

As persoas interesadas en participar teñen ata o 27 de setembro ás 14:00 horas para presentar a súa solicitude. A inscrición pódese realizar de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello do Porriño ou de maneira telemática a través da sede electrónica municipal.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS