O Concello do Porriño aposta por achegar a historia e a cultura do municipio a novos públicos coa creación da revista FENDA. Historia e Cultura do Porriño. Unha revista coordinada polo escritor e historiador porriñés Diego Giráldez, que se presentará ao público o próximo mércores 23 de setembro, ás 20.00 horas, no Templete de Antonio Palacios.
FENDA nace coa intención de “mirar O Porriño desde a memoria, pero tamén desde o presente”. Unha revista divulgativa, próxima e aberta a todos os públicos que parte da idea de que historia e cultura non camiñan por separado.”Unha publicación para rescatar a nosa historia, pero tamén para ver o noso presente e o noso futuro xa que conecta o pasado cos novos creadores e creadoras”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.
O primeiro número propón unha viaxe por diferentes momentos, lugares e protagonistas da historia e da cultura porriñesa. Entre os seus contidos están un percorrido polas antigas Festas do Cristo, a historia das salas de cine e de como se vivía o cinema no municipio ou unha aproximación ao peto de ánimas de San Antón de Budiño. A revista dedica tamén un dos seus reportaxes á tradición panadeira do Porriño e incorpora unha sección centrada na historia do tecido empresarial do municipio.
A publicación conta coa colaboración de diferentes voces vinculadas á cultura, á creación e á investigación, entre elas Samuel Merino, Areta Bolado, Antía Villaverde, Rubén Silva e Manrique Fernández. A presenza de autores de diferentes xeracións responde tamén á vontade de FENDA de conectar a memoria do Porriño coas persoas que hoxe crean, investigan e constrúen a vida cultural da vila.

