O Concello do Porriño acollerá os vindeiros 17 e 18 de setembro o curso “Busca e uso de datos estatísticos con intelixencia artificial”, unha acción formativa promovida pola AECT Río Minho no marco do proxecto REDE_GOV_MINHO, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg España-Portugal.
A formación, de carácter gratuíto e cun nivel de iniciación, terá unha duración total de cinco horas e desenvolverase no CIE do Porriño, en horario de 10.30 a 13.00 horas. O programa permitirá aos participantes achegarse de maneira práctica ás novas ferramentas dixitais e coñecer as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial para a procura, tratamento, análise e visualización de información.
Entre os contidos que se abordarán figuran os fundamentos da intelixencia artificial xenerativa, o prompt engineering, a procura de datos estatísticos mediante IA, o business analytics, a análise de datos con Power BI e un exercicio práctico final de análise e visualización.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de que o municipio participe neste tipo de iniciativas, “que permiten achegar á cidadanía e ao tecido profesional ferramentas que xa están transformando a maneira de traballar, analizar información e tomar decisións”.
“A intelixencia artificial e a análise de datos xa forman parte do presente e desde as administracións temos que facilitar que as persoas poidan coñecer estas ferramentas, aprender a empregalas e aproveitar as oportunidades que ofrecen”, sinalou Lorenzo, quen puxo tamén en valor “a cooperación que se está desenvolvendo entre os municipios galegos e portugueses a través da AECT Río Minho, compartindo recursos, coñecemento e iniciativas a ambos os lados da fronteira”.
Pola súa banda, a concelleira Vanessa Ucha incidiu en que “formar parte da AECT Río Minho permítenos participar nunha rede de cooperación que vai moito máis alá das fronteiras administrativas e que nos dá acceso a iniciativas, formación e oportunidades que podemos trasladar directamente ao noso territorio”.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico habilitado pola organización, geral@aectriominho.eu.

