HomeNewsActualidadeA Xunta saca a licitación a mellora urbana do parque Alcalde Ordóñez...

A Xunta saca a licitación a mellora urbana do parque Alcalde Ordóñez no Porriño por máis de 425.000 euros

A Xunta vén de licitar por máis de 425.000€ as obras de mellora urbana, paisaxística e de accesibilidade do parque Alcalde Ordóñez, no concello do Porriño. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 7 de setembro, tal como recolle a publicación da licitación na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

O Goberno galego licita estas actuacións tras asinar un convenio co Concello do Porriño para impulsar estas intervencións, ao abeiro do Plan Hurbe. A través desta cooperación, a Consellería achegará o 70% do orzamento, contratará e executará as obras; e o Concello asumirá o 30% restante, e corresponderalle o mantemento das actuacións.

O obxectivo é transformar o espazo existente nun parque plenamente accesible, confortable climáticamente e cunha identidade paisaxística vinculada ao territorio. O ámbito de actuación ocupa 2.210 m² na intersección da rúa Antonio Palacios coa rúa Tarela, conformando un rueiro triangular. As intervencións previstas incrementarán a seguridade de uso, abrindo visuais e eliminando puntos mortos, e garantirán a accesibilidade universal no conxunto do parque mediante itinerarios continuos e ramplas adecuadas.

Tamén se reforzará o dosel arbóreo xerando sombra natural e mellorando o confort térmico, e aumentarase a permeabilidade do chan mediante pavimentos drenantes e subbases recicladas.

Ademais, integraranse elementos de auga que actúen como reguladores térmicos e tamén espazos de xogo ou contemplación.
Reutilizaranse e reciclaranse os materiais existentes, especialmente pedra e áridos, reducindo o impacto ambiental e reforzando a identidade local vinculada ao granito do Porriño.

A través destas obras, integrarase o parque como unha bisagra verde urbana, conectando transversalmente tecidos urbanos e reforzando a rede ecolóxica municipal.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS