O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico autorizou a prórroga de explotación da central nuclear de Almaraz, situada en Cáceres, permitindo que os seus dous reactores sigan funcionado ata o 8 de xuño de 2030. Tal e/ou segundo recolle a orde publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), esta decisión modifica o calendario inicial que fixaba o apagado para finais de 2027 e 2028. A medida chega despois de que as empresas propietarias —Iberdrola, Endesa e Naturgy— solicitasen formalmente a prórroga e tras contar cun informe favorable emitido o pasado 16 de xullo polo Consejo de Seguridad Nuclear (CSN) que certifica as condicións de seguridade da instalación.
O departamento dirixido por Sara Aagesen xustifica a prórroga atendendo ao novo contexto enerxético internacional e á volatilidade dos prezos do gas derivada da crise en Oriente Medio, sinalando que manter Almaraz operativo terá un impacto «acotado e pouco significativo» sobre as enerxías renovables. Con todo, a continuidade queda estritamente condicionada ao cumprimento das esixencias de seguridade ditadas polo organismo regulador. Desde o Goberno aclarouse que esta extensión temporal —de entre 19 e 31 meses segundo a unidade— non alterará o resto do calendario previsto para o conxunto do parque atómico estatal, cuxo cese definitivo se mantén fixado para o ano 2035.

