HomeNewsActualidadeCatro ministros comparecerán no Congreso a finais de agosto para dar conta...

Catro ministros comparecerán no Congreso a finais de agosto para dar conta da crise migratoria de Ceuta ante a presión da oposición

O Goberno central rexistrará as solicitudes para as comparecencias de Grande-Marlaska, Albares, Robles e Bolaños entre o 25 e o 28 de agosto, mentres o Partido Popular adiántase e cítaos xa no Senado a partir da vindeira semana facendo uso da súa maioría absoluta

Ante a presión exercida pola oposición e por algúns socios parlamentarios, o Executivo central comparecerá no Congreso entre o 25 e o 28 de agosto para informar sobre a crise migratoria rexistrada en Ceuta. Segundo informaron este venres fontes do Ministerio da Presidencia, os ministros que darán conta dos feitos nas súas respectivas comisións serán o responsable de Interior, Fernando Grande-Marlaska; o titular de Exteriores, José Manuel Albares; a ministra de Defensa, Margarita Robles; e o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños.

A previsión do Goberno pasa por rexresar á actividade parlamentaria en período extraordinario e priorizar a Cámara Baixa por considerala constitucionalmente prevalente, situando as intervencións de Robles o 25 de agosto, a de Bolaños o 27, e as de Grande-Marlaska e Albares o 28. Con todo, a resposta do Partido Popular non se fixo agardar. Facendo uso da súa maioría absoluta no Senado, a formación popular anunciou que citará aos catro membros do Goberno a partir da próxima semana, comezando con Grande-Marlaska o mércores 12, continuando con Robles o xoves 13 e convocando a Albares o luns 17 de agosto, ademais de solicitar a comparecencia de Bolaños na Comisión Mixta de Seguridade Nacional. Desde o PP criticaron que o Executivo pretenda demorar as explicacións case un mes despois dunha crise que cualifican de extrema gravidade para a seguridade nacional.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS