HomeNewsActualidadePonteareas abre unha nova liña de axudas para nenos con necesidades específicas

Ponteareas abre unha nova liña de axudas para nenos con necesidades específicas

O Concello de Ponteareas vén de abrir o prazo para solicitar as novas axudas municipais ao estudo para o curso 2026-2027, cunha importante novidade, xa que a convocatoria incorpora unha liña específica de axudas para gastos derivados de servizos profesionais de apoio educativo e terapias especializadas, como logopedia, pedagoxía terapéutica (PT), reforzo psicopedagóxico e outros tratamentos similares, dirixidos ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. 

As axudas municipais están dirixidas ás familias empadroadas en Ponteareas con menores matriculados en Educación Infantil (4º, 5º e 6º), Formación Profesional Básica, Ciclos Formativos ou Bacharelato, contemplando, como novidade, a liña para necesidades específicas de apoio educativo pero tamén a liña para axuda nos gastos destinados á adquisición de libros de texto e material escolar. 

O concelleiro de Ensino, Ricardo González, destacou o compromiso da concellería por “adaptar os recursos á realidade das necesidades”, ofrecendo axudas directas e facilitando a tramitación administrativa para apoiar ás familias na carga económica do inicio de curso. González engadiu que a coordinación entre as axudas de estudo e as novas terapias especializadas “optimiza os recursos públicos para ofrecer unha cobertura integral e eficaz”.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “esta nova convocatoria vai moito máis alá dunha simple axuda económica. Agora tamén estamos apoiando ás familias que realizan un enorme esforzo para que os seus fillos e fillas reciban as terapias que necesitan”. A rexedora local foi contundente ao afirmar que “non queremos que ningunha nena ou neno deixe de acceder a un tratamento por motivos económicos e seguir avanzando cara a un concello máis inclusivo, onde todos teñan as mesmas oportunidades para aprender e desenvolver todo o seu potencial”.

A convocatoria conta cun orzamento total de 20.000 euros. Deles, 8.000 euros resérvanse inicialmente para as terapias especializadas e 12.000 euros para a adquisición de libros e material escolar. Ademais, establécese un sistema flexible que permitirá trasladar os fondos sobrantes dunha liña á outra, garantindo que ningún euro quede sen utilizar e que o maior número posible de familias poida beneficiarse destas subvencións.

Para acceder ás axudas para nenos con necesidades específicas de apoio educativo será necesario acreditar a situación mediante informe do departamento de orientación, certificado de discapacidade ou informe médico oficial, así como presentar a documentación acreditativa dos gastos realizados durante o curso 2025/2026.

Cada alumno poderá recibir ata 100 euros para sufragar eses gastos, unha contía que poderá acumularse con outros 100 euros destinados á adquisición de libros de texto e material escolar, permitindo que unha mesma familia poida percibir ata un máximo de 200 euros por estudante sempre que cumpra os requisitos establecidos nas bases.

As solicitudes poden presentarse ata o 30 de setembro de 2026,  utilizando o modelo normalizado dispoñible na Sede Electrónica do Concello de Ponteareas.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS