O Concello de Ourense pechou o exerciciou económico de 2025 gastando 177,8 millóns de euros, o que supón uns cincuenta millóns máis dos 125,9 millóns ingresados, incumprindo así os obxectivos de estabilidade orzamentaria e as regras fiscais. Tal e como alertou o interventor municipal nun informe presentado este luns por vía de urxencia no último pleno ordinario, o desaxuste obriga o goberno encabezado polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome a aprobar nun prazo máximo de tres meses un plan económico-financiero que deberá contar coa tutela e o visto bo previo da Consellería de Facenda da Xunta e do Ministerio de Facenda.
Segundo detallou o funcionario no pleno a petición do BNG, o consistorio ourensano gastou 39,6 millóns máis do debido e presenta unha necesidade de financiamento do 32,24% sobre os ingresos non financeiros. A corporación municipal non puido evitar esta intervención externa a través dun real decreto vixente porque incumpre sistematicamente os prazos legais de pago a provedores —tardando máis de cen días fronte aos trinta esixidos—. A sesión tamén deixou debate sobre a incógnita dos orzamentos municipais e sacou adiante unha modificación orzamentaria de algo máis de 200.000 euros para pagar expropiacións do colexio O Couto.

