O Concello de Catoira aprobará este venres en sesión plenaria un proxecto impulsado polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) que contempla un investimento superior aos dous millóns de euros para modernizar a rede ferroviaria no municipio. Tal e como informou o alcalde, o nacionalista Xoán Castaño, o expediente conta xa co informe favorable do arquitecto municipal, o que permitirá remitir a documentación a Madrid para axilizar a licitación duns traballos cualificados como estratéxicos para a seguridade e a mobilidade veciñal.
A intervención estrutúrase en catro actuacións principais ao longo do trazado polas que se suprimirán dous pasos a nivel. Entre os traballos destaca a construción dun novo paso superior en A Balastrera para substituír o actual cruce, unha infraestrutura deseñada con tres vans e un camiño de servizo de 611 metros conectado co aparcamento do Centro de Activación Cultural das Torres do Oeste (Cacto). O proxecto tamén prevé un peche perimetral para impedir cruces indebidos, a supresión do paso a nivel de As Telleiras e a creación dunha pasarela peonil accesible na antiga fábrica Cedonosa, ademais de mellorar as ramplas da estación de tren para garantir itinerarios máis seguros.

