O Concello de Mos deu a benvida aos 11 nenos e nenas saharauís que están a pasar os meses de verán con familias acolledoras de Mos e O Porriño no marco do programa solidario Vacacións en Paz, promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
Dito acto tivo lugar no Concello de Mos e estivo presidida pola alcaldesa, Nidia Arévalo, representantes da asociación e as familias acolledoras, que un ano máis abren as portas das súas casas para ofrecerlles aos menores un verán “seguro, saudable e cheo de experiencias”.
Durante o encontro, a rexedora agradeceu o compromiso das familias participantes e puxo en valor unha iniciativa que “representa o mellor da solidariedade e da cooperación entre pobos”. “Cada verán, Mos demostra que é un concello comprometido coa infancia e cos dereitos humanos. Estes nenos e nenas atopan aquí un fogar, atención sanitaria e a oportunidade de vivir unhas semanas afastados das durísimas condicións dos campamentos de refuxiados saharauís”, destacou.
O programa Vacacións en Paz permite que 280 menores procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís poidan pasar os meses de xullo e agosto en Galicia, afastándose das temperaturas extremas que no verán superan os 50 graos e accedendo a unha alimentación equilibrada, revisións médicas e actividades de lecer.
Durante a súa estancia en Mos, os menores poderán participar gratuitamente no campamento municipal infantil Mañás de Verán, gozar da piscina ao aire libre de San Eleuterio e integrarse nas actividades culturais, deportivas e sociais organizadas no municipio.
Como é habitual, o Concello de Mos organizará durante o mes de agosto unha xornada de convivencia na que os nenos e nenas compartirán unha tarde de lecer coas familias acolledoras e co resto dos participantes no programa.
O Concello de Mos continúa colaborando con esta iniciativa mediante un convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, prestando apoio económico, facilitando o transporte desde o aeroporto de Peinador e colaborando na organización da recepción e das actividades previstas durante o verán.
Ademais, os menores contan coa cobertura sanitaria garantida grazas á colaboración co Sergas, que inclúe revisións médicas, vacinacións e atención sanitaria durante toda a súa estancia.
Con esta nova edición de Vacacións en Paz, Mos reafirma o seu compromiso coa solidariedade, a cooperación internacional e a defensa dos dereitos da infancia, mantendo unha colaboración consolidada co pobo saharauí

