O Grupo de Delitos Contra o Patrimonio da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra e o Grupo de UDEV-IIda Policía Nacional Vigo-Redondela veñen de dar por finalizada a operación “PAMPA-TRACKER”, coa detención do último integrante do grupo criminal o pasado 7 de xullo.
A investigación iniciouse tras o atraco perpetrado o pasado 6 de outubro de 2025 nunha sucursal bancaria de O Porriño. Alí, dous individuos armados e ocultando a súa identidade mediante máscaras, irrumpiron na oficina poucos minutos antes do peche. Tras inmovilizar con bridas a empregados e clientes, e ameazalos con armas de fogo, accederon á caixa forte, apoderándose aproximadamente de 138.000 euros.
As primeiras pesquisas permitiron relacionar aos sospeitosos con dous intentos de atraco previos cometidos nunha sucursal de Vigo, feitos que xa estaban sendo investigados pola Policía Nacional. A coincidencia do modus operandi motivou a creación dunha liña conxunta de investigación entre ambos corpos.
Durante meses, estableceuse un intenso dispositivo de vixianza sobre os investigados, quen cambiaban frecuentemente de domicilio e extremaban as medidas de seguridade para evitar a súa detención.
O pasado 1 de abril comezou a primeira fase da operación. Os principais investigados foron detidos “in fraganti” cando se dispuñan a asaltar unha sucursal bancaria en Vigo. Nese momento, portaban un arma de foto, navallas, bridas, luvas e outros efectos destinados á comisión do roubo. A autoridade xudicial decretou o seu ingreso en prisión, a pesar de que a “personaxe” principal do roubo no Porriño non se atopaba entre os detidos.
Tras estas primeiras detencións, a investigación permaneceu aberta para identificar a este individuo. Durante a segunda fase da investigación, acométese un novo atraco nunha sucursal de Mondariz, cun modus operandi practicamente idéntico aos anteriores e logrando un botín de 115.000 euros.
Con todo, o pasado 7 de xullo procédese á detención dun varón, veciño de Arbo, ao que se lle atribúen dous delitos de roubo con violencia e intimidación en sucursais bancarias, detención ilegal, pertenza a grupo criminal e tenencia ilicita de armas.
Durante o rexistro practicado, localizáronse unha escopeta recortada, un rifle, armas cortas, munición, grande cantidade de diñeiro en efectivo, prendas utilizadas presuntamente nos atracos, un inhibidor de frecuencia e proxectís compatibles con armas de guerra prohibidas en España para particulares.
Tras ser posto a disposición xudicial, decretouse o seu ingreso en prisión provicional. A investigación foi dirixida pola Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia Nº1 do Porriño e a Fiscalía da Área de Vigo.

