Os alcaldes da Caniza, Luis Piña, e de Covelo, Pablo Castillo, presentan por terceiro ano consecutivo o Programa CLARA, unha iniciativa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero dirixida ás mulleres e ás súas fillas e fillos menores da Caniza e Covelo, cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.
Trátase dun programa impulsado conxuntamente polos dous concellos a través dun servizo municipal integral e compartido, co obxectivo de ofrecer apoio especializado, fomentar a igualdade de oportunidades e previr a violencia de xénero mediante unha atención próxima e de calidade.
A actividade está financiada cunha axuda de 16.720 euros, concedida pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027. A súa execución foi adxudicada á empresa RED TALENTO CONSULTORAS S.L., con ampla experiencia no desenvolvemento de proxectos similares en numerosos municipios galegos.
O programa contará cun equipo multidisciplinar de profesionais das áreas de dereito, psicoloxía, terapias e igualdade. Desenvolverase de maneira intensiva durante os meses de agosto e setembro e inclúe servizos de atención psicolóxica e xurídica, orientación laboral, actividades relacionadas coa saúde e o benestar, así como diversas accións de sensibilización e formación en igualdade.
Durante a presentación, os alcaldes destacaron que esta é a terceira edición consecutiva do Programa CLARA nos dous concellos. Ao longo destes anos, o programa foi “consolidando un espazo seguro no que as mulleres poden informarse, resolver dúbidas, recibir apoio e participar sen medo”. Subliñaron que este proceso resulta especialmente importante porque moitas mulleres precisan tempo para achegarse a servizos de atención xurídica, psicolóxica, formación ou acompañamento
O servizo estará dispoñible todos os xoves pola mañá, con cita previa. Na Caniza, o lugar de atención será o Edificio Multiusos e en Covelo o Centro de Maceira. Para solicitar cita previa, é preciso facelo a través do teléfono ou WhatsApp ao 606 118 853 ou 687 227 495.
- O servizo está dirixido ás mulleres e ás persoas que dependan delas, con todas as garantías de privacidade e de maneira totalmente gratuíta.

