O PSdeG decidiu simplificar a súa carreira electoral para os comicios municipais do próximo ano. A súa comisión nacional de ética aprobou este venres a designación de candidatos en 13 concellos, evitando as primarias en todas as cidades onde os socialistas non gobernan, coa única excepción de Ferrol.
Na cidade departamental, o exalcalde e actual portavoz, Ángel Mato, verase as caras nas urnas coa exconcelleira Eva Martínez para encabezar a lista. No resto das agrupacións locais que debían iniciar o proceso esta semana, só se rexistrou un único candidato, polo que se saltará o trámite de recollida de avais e a votación.
Pedro Blanco, a aposta para Santiago
Entre os nomes confirmados destaca o de Pedro Blanco. O actual delegado do Goberno será a aposta socialista para recuperar a alcaldía de Santiago de Compostela ao non contar con rivais internos. Marta Álvarez Santullano, quen se ofrecera hai meses para liderar a candidatura, confirmou esta mañá que non se postulará.
O calendario de primarias do PSdeG tamén deixou confirmacións noutras localidades importantes. Entre os candidatos proclamados atópanse Miguel Fernández en Lugo, Iván Puentes en Pontevedra, Natalia González en Ourense, Jorge Ulla en Narón, Jesús Fernández Díez en Oleiros e Vanesa Fernández Seoane en Ponteareas.
Novos procesos en outono
Aínda que este venres pechouse o prazo para esta quenda, o partido xa ten a vista posta no final de ano. As agrupacións locais con máis de 20.000 habitantes que aínda están pendentes de elixir candidato aprazaron este proceso a setembro ou novembro.
Entre os municipios que deberán pasar por esta selección nas próximas datas figuran Arteixo, Carballo, Ribeira, Cangas, Cambre, Marín, O Porriño, Lalín e A Estrada.

