HomeNewsActualidadeA Garda Civil intercepta un dron fumigador que operaba ilegalmente na Ribeira...

A Garda Civil intercepta un dron fumigador que operaba ilegalmente na Ribeira Sacra

O operativo, que se centrou na zona de Amandi, saldouse con polo menos dez denuncias por irregularidades na aplicación aérea de produtos fitosanitarios sen autorización

A Garda Civil iniciou unha investigación contra unha empresa polo uso irregular de drons agrícolas na Ribeira Sacra. O operativo, coordinado polo equipo Pegaso —especializado no control do espazo aéreo— e o Seprona, coa colaboración da Xunta de Galicia, logrou localizar unha aeronave de grandes dimensións mentres sobrevoaba un viñedo en bancais realizando labores de fumigación.

Os axentes procederon á paralización inmediata da actividade na zona de aterraxe, identificaron aos responsables e comprobaron a documentación do dispositivo. Tal e como informou a Comandancia da Garda Civil de Lugo, a utilización de drons para a aplicación aérea de produtos fitosanitarios está prohibida en Galicia, salvo en casos de autorizacións excepcionais que a empresa non posuía.

Riscos para o medio ambiente e a saúde

As irregularidades detectadas deron lugar á apertura dun expediente con polo menos dez denuncias administrativas. Os axentes recolleron mostras do produto utilizado, que xa foron remitidas aos servizos de sanidade vexetal da Xunta para a súa análise en laboratorio.

A investigación céntrase agora en valorar a gravidade destes feitos. Desde a Garda Civil advirten de que este tipo de prácticas conlevan riscos derivados da dispersión de substancias tóxicas, especialmente prexudiciais para a fauna, os cauces fluviais e os cultivos colindantes. A aeronave interceptada, que pesaba 90 quilos, operaba nunha zona de gran afluencia turística e intensa actividade agrícola.

Meses de vixilancia

As pescudas comezaron o pasado ano tras as primeiras alertas sobre o uso destas aeronaves nas viñas da Ribeira Sacra. Nas últimas semanas, a recepción de novas denuncias facilitou que o dispositivo de control culminase con éxito. A causa segue aberta á espera dos resultados analíticos definitivos e da valoración técnica dos organismos competentes sobre a documentación que poida presentar a empresa investigada.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS