A Comisión de Transportes do Congreso aprobou este martes o informe da lei que busca transferir a titularidade e a xestión da autoestrada AP-9 a Galicia. A iniciativa, froito dun acordo entre o PSOE, o BNG e Sumar, saíu adiante co voto en contra do PP e Vox, polo que agora continuará a súa tramitación parlamentaria cara ao pleno da Cámara Baixa e, posteriormente, ao Senado.
A proposta inclúe o traspaso da titularidade da vía á Xunta, unha cuestión que xerou tensión política ao ser cuestionada polo Partido Popular. O deputado popular Celso Delgado advertiu sobre posibles “indicios de inconstitucionalidade” e criticou que o texto final se afaste da proposta orixinal aprobada por unanimidade no Parlamento galego, calificando o pacto como un “pacto de traidores”.
Disputa polas responsabilidades económicas
O punto de fricción reside nas condicións do traspaso. Mentres que o BNG defende que o acordo é unha “salvaguarda absoluta” para a administración galega —xa que garante que o Estado asumirá as indemnizacións se se anula a prórroga de 2048—, a Xunta amósase moi crítica. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, cualificou a proposta de “transferencia outlet”, argumentando que a Xunta tería que asumir custos que, ao seu xuízo, non lle corresponden.
Pola súa banda, a deputada socialista Patricia Otero criticou a postura do PP, acusando aos populares de “tratar de boicotear” o acordo con “mentiras” mentres no Parlamento galego votaron a favor dunha transferencia similar. Sumar, a través do seu representante José Manuel Lago, defendeu que o texto respecta as competencias da Xunta e non supón unha concesión, senón un paso cara á titularidade galega.
Que implica o ditame aprobado?
O acordo establece que o Estado e a Xunta elevarán á Comisión Mixta de Transferencias unha proposta para concretar os límites e condicións do traspaso. Os puntos crave que abordará son:
- Xestión e control: A Xunta asume a autorización de novos tramos, a supervisión da explotación da autoestrada e a potestade sancionadora.
- Réxime financeiro: O texto determina que as consecuencias económicas das decisións tomadas polo Estado antes da transferencia recaerán sobre a Administración estatal.
- Futuros cambios: Calquera modificación nas tarifas ou peaxes promovida pola comunidade autónoma que supoña un incremento dos compromisos financeiros deberá ser asumida integramente pola propia Xunta.

