A Xunta de Galicia anunciou este luns unha profunda reforma na organización da Proba de Acceso á Universidade (PAU), a coñecida selectividade, para equiparar as condicións dos alumnos galegos coas doutras comunidades autónomas. O proxecto, presentado polo presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, contempla unha nova estrutura de coordinación na que o Goberno galego terá un papel protagonista.
Segundo indicou o Executivo autonómico, a modificación implementarse en dúas fases, unha inmediata e outra prevista para 2028, co fin de non prexudicar o proceso de aprendizaxe do alumnado de bacharelato. A medida responde, en parte, á necesidade de corrixir os erros detectados nas probas deste ano e ao feito de que o alumnado galego obtén, en ocasións, resultados na PAU inferiores aos que cabería esperar polo seu desempeño en índices estatais e internacionais, debido á maior dificultade dos exames.
Nova estrutura e maior control nas correccións
A reforma establece a creación dunha Comisión Organizadora e unha Comisión Técnica, organismos onde estarán representadas a Xunta e as tres universidades galegas. A Comisión Organizadora, adscrita á Consellería de Educación, encargarase do deseño estratéxico e da aplicación homoxénea da normativa. Pola súa banda, a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) manterá as súas funcións operativas baixo o marco deste novo organismo, que contará coa presenza dun delegado da Xunta.
Outro dos cambios crave afecta aos grupos de traballo responsables de elaborar os exames:
- Composición: Os grupos reduciránse a seis membros, dous docentes universitarios e catro de secundaria ou inspección educativa.
- Dirección: A partir de agora, a dirección dos grupos poderá recaer tanto en profesorado universitario como de secundaria, un rol este último que antes estaba excluído.
- Revisión dobre: As probas serán revisadas por dúas persoas para garantir a calidade. En caso de discrepancia, deberase acadar unha versión consensuada antes da súa validación final.
- Bancos de exercicios: Crearanse repositorios de probas verificadas para facilitar a tarefa docente e elevar os estándares de rigor.
Tal e como sinalou o conselleiro Román Rodríguez, este modelo de dobre revisión é similar ao utilizado noutros procesos selectivos, como as oposicións ou o MIR, e ten como obxectivo minimizar calquera tipo de incidencia na avaliación. O proxecto será trasladado “de inmediato” ás universidades co obxectivo de acadar un consenso sobre a súa posta en marcha.
Escoita as declaracións do presidente da Xunta aquí:

