O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, trasladouse este venres ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) para lanzar unha advertencia sobre o sistema sanitario público galego. Segundo o dirixente socialista, o plan da Xunta de “poñer o Sergas en modo verán” suporá o peche de máis de 500 camas en toda a comunidade —case 100 delas só na área coruñesa—, o que provocará unha saturación inminente nos servizos de urxencias.
Acompañado polos deputados autonómicos Silvia Longueira e Julio Torrado, Besteiro acusou ao presidente Alfonso Rueda de xestionar a sanidade mediante recortes en lugar de planificación. “O verán non produce un efecto de menos enfermidades, nin de menos ingresos, nin de menos probas diagnósticas”, afirmou o líder do PSdeG, cuestionando así a xustificación dunha medida que considera “espeluznante”.
“Falta de recursos humanos”
Para Besteiro, o problema de fondo é a insuficiencia de profesionais sanitarios. O secretario xeral dos socialistas denunciou a falta de médicos, enfermeiras e persoal auxiliar, o que está a derivar nunha prestación de servizos cada vez máis precaria. “O PP non planifica a sanidade, senón que a adapta á súa falta de medios humanos”, sentenciou durante a súa visita.
O dirixente do PSdeG tamén aproveitou para recordar que Galicia arrastra datos de listas de espera peores aos rexistrados na etapa prepandemia. Segundo a súa análise, a redución da capacidade dos hospitais durante os meses estivais non só afecta á comodidade dos pacientes, senón que xera un efecto dominó: máis presión noutros servizos, maiores demoras nos ingresos e unha carga de traballo insostible para os profesionais que permanecen en activo.
Ante este escenario, o PSdeG esixiulle a Rueda que dea explicacións sobre como pensa garantir a asistencia sanitaria e con que persoal pretende cubrir a demanda asistencial se a situación se complica nos próximos meses.

