HomeNewsActualidadeCondenan a catro anos de prisión á extesorera de Audasa por desviar...

Condenan a catro anos de prisión á extesorera de Audasa por desviar 1,2 millóns de euros

O Tribunal Supremo rebaixa a pena inicial tras estimar parcialmente o recurso da acusada, que deberá indemnizar con máis de 1,2 millóns de euros ás empresas estafadas

A Sala do Penal do Tribunal Supremo condenou a catro anos de prisión á que foi tesoureira de Audasa entre 2008 e 2019 por apropiarse de 1,2 millóns de euros das contas da compañía. A sentenza considera probado que a muller, aproveitándose da súa posición de confianza na xestión contable, desviou fondos de xeito sistemático entre 2011 e 2018.

A resolución xudicial supón unha rebaixa na pena inicial, que fora fixada en seis anos e cinco meses pola Audiencia Provincial da Coruña e o TSXG. O alto tribunal estima parcialmente o recurso ao excluír a continuidade no delito de estafa, aínda que mantén a condena por un delito continuado de falsidade en documento mercantil en concurso medial con estafa cualificada.

O método do desvío

A extesorera utilizaba a súa posición para realizar transferencias sen xustificación algunha cara a unha conta bancaria propia aberta en 2011. O tribunal destaca que a acusada falsificaba ordes de transferencia bancaria, dándolles unha aparencia idéntica ás que Audasa e Autoestradas de Galicia enviaban habitualmente ás entidades financeiras. Estes documentos, remitidos en formato PDF a través do correo corporativo, xeraban unha alta dose de confianza, segundo sinala a sentenza.

Responsabilidade civil e lucro

Ademais da pena de cárcere, a condenada deberá facer fronte a importantes indemnizacións: 1.103.600 euros a Audasa e 125.155 euros a Autoestradas de Galicia.

Nesta responsabilidade civil tamén se ve involucrado o marido da extesorera, declarado “partícipe a título lucrativo”. O tribunal desestimou o seu recurso, confirmando que terá que responder solidariamente do pago ata un máximo de 614.377 euros. Segundo razona a Sala, o marido beneficiouse directamente do diñeiro defraudado, xa que o matrimonio compartía réxime de gananciais e a conta onde terminaron os fondos ilícitos estaba a nome de ambos.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS