O Concello de Arbo vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para o XXXI Torneo de Fútbol Sala “Vila de Arbo“. A competición desenvolverase os días 24, 25 e 26 de xullo no Pavillón Municipal de Deportes, aínda que as datas definitivas poderían variar lixeiramente en función do número final de conxuntos anotados.
O torneo, de carácter amateur, xogarase baixo un sistema de grupos que se determinará unha vez pechada a listaxe de participantes.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, amosou a “súa satisfacción” pola continuidade dun evento que cumpre trinta e unha edicións dinamizando a vida deportiva do concello. “Para o Concello de Arbo é unha prioridade absoluta apoiar e promocionar o deporte en todas as súas disciplinas e idades. Este Torneo de Fútbol Sala ‘Vila de Arbo’ non é só unha competición, senón un punto de encontro clave para a mocidade e os afeccionados de toda a comarca durante o verán”, sinalou o rexedor.
O prazo para formalizar a inscrición rematará o venres 17 de xullo de 2026 ás 00:00 horas, ou ben no momento no que se cubran todas as prazas dispoñibles. O custe por equipo é de 75€, que se ingresarán na conta facilitada polo Concello; máis 25€ en concepto de organización, que se entregarán en man antes do comezo do partido.
As persoas interesadas en inscribirse deberán empregar o modelo oficial facilitado polo Concello, cubrir o formulario e envialo ao correo electrónico da organización; ou ben tramitalo a través da sede electrónica do Concello de Arbo. Unha vez enviado o formulario, o equipo recibirá unha confirmación de alta e disporá dun prazo de 36 horas para facer efectivo o pago no número de conta indicado.
A presentación oficial do torneo e o correspondente sorteo de grupos terá lugar o sábado 18 de xullo de 2026 ás 13:00 horas no Salón de Plenos do Concello de Arbo.
Premios e recoñecementos
A organización establece unha contía en premios económicos e recoñecementos para os participantes, repartindo un total de 2.500 euros en metálico. Deste xeito, o 1º clasificado recibirá un premio de 1.200 € e trofeo, o 2º clasificado obterá 700 € e trofeo, o 3º clasificado levará 400 € e trofeo, e o 4º clasificado será galardoado con 200 € e trofeo.
Así mesmo, premiarase a excelencia individual e colectiva cun trofeo para o equipo menos goleado e outro para o xogador máximo goleador, mentres que no torneo de consolación entregaranse senllos trofeos para o primeiro e o segundo clasificado.
Para resolver calquera dúbida ou solicitar os formularios de inscrición, as persoas interesadas poden poñerse en contacto no 639 829 445 ou en deporte.concellodearbo@gmail.com .

