HomeNewsActualidadeMos renderá homenaxe aos directores que mantiveron vivo o espírito das rondallas...

Mos renderá homenaxe aos directores que mantiveron vivo o espírito das rondallas no VIII Abrente Folk

O Auditorio do Centro Dotacional de Torroso acollerá o vindeiro 7 de xuño, ás 18:30 horas, a celebración do VIII Festival Abrente Folk, unha cita xa consolidada dentro da programación cultural do Concello de Mos e que volverá reunir música, baile e tradición popular arredor do folclore galego.

O festival contará coa participación do Grupo Folclórico Santa Columba de Ribadelouro, o Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés, a Asociación Cultural Os Zoqueiros, o Coro Galego Abrente e Son do Abrente, nun encontro pensado para “poñer en valor a música tradicional e o traballo colectivo das agrupacións culturais que manteñen viva a identidade popular galega”, aseguran dende o goberno munciipal.

Nesta oitava edición, o Abrente Folk terá ademais un “marcado carácter emotivo” coa homenaxe aos directores que, ao longo de décadas, contribuíron a preservar e transmitir o espírito rondalleiro nas distintas parroquias de Mos e da súa contorna.

Entre os homenaxeados figuran Francisco Romero Lorenzo, director da Rondalla “Os Alegres de Bos Aires” de Dornelas; José Pérez Bugarín, da Rondalla de Abaixo (Anduriña), tamén en Dornelas; Ramón Balado Jorge e Jaime Lorenzo Alonso, históricos directores de Torroso; e Agustín Lorenzo Alonso, vencellado á Rondalla Abrente.

O recoñecemento esténdese tamén a Manuel Campo Villar, director da Rondalla “Santiaguiño” de Guizán, e a Alfonso Balado Jorge, da Rondalla “Plantel” da mesma parroquia; a Ramón Balado Jorge, por partida dobre, director da Rondalla “Dos Cabaleiros” de Mos, e a Joaquín García Pérez, da Rondalla “A Gándara”, tamén de Mos.

Así mesmo, serán distinguidos Isidro García Pérez, referente rondalleiro de Louredo; Francisco Pereiro Costas, da Rondalla de Cela; Román González Serodio, da Rondalla de Herville; Javier Alonso Pérez “Chisco”, de Pereiras; e Cándido Álvarez Campo, representante de Tameiga.

A homenaxe incluirá tamén unha lembranza especial, a título póstumo, para Javier Vila Pérez, de Sanguiñeda, e José Fernández Fernández, de Petelos, polo legado que deixaron na conservación e transmisión da tradición musical popular.

Dende o Concello de Mos destacan que o Abrente Folk “non é só un festival musical, senón tamén un espazo de encontro interxeracional e de recoñecemento ás persoas que fixeron posible que a tradición das rondallas chegase viva ata hoxe”.

A entrada será de balde e durante o evento realizarase o sorteo dun agasallo entre as persoas asistentes. O VIII Abrente Folk está organizado polo Círculo Cultural Abrente coa colaboración do Concello de Mos, a Comunidade de Montes de Torroso e a Deputación de Pontevedra.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS