O Encontro Cultural Entreverbas que ten lugar na aldea de Cabreira, en Salvaterra de Miño, celebrarase este ano no mes de xuño; en lugar de setembro tal e como viña acontecento nas anteriores edicións. Así, a XI edición terá lugar os días 12, 18, 19 e 20 de xuño.
A iniciativa vén de presentar esta fin de semana a nova edición, que se desenvolverá, como é habitual, por diferentes espazos da parroquia. Con todo, durante o acto desveláronse algunhas das personalidades que asistirán durante os días de celebración como Enrique Banet, presidente da Fundación Galicia Verde; o músico e escritor Xurxo Souto ou a creadora audiovisual Carla Cabaleiro.
Outras das personalidades que participarán nesta edición de 2026 serán as poetas Branca Trigo, Lois Pérez e Maite Dono, ou a escritora Emma Pedreira; a formación musical Allegretto con Retranca e, para os máis cativos, o espectáculo infantil “Pakolas“.
O principal obxectivo do encontro é achegar a poesía, a música, a creación audiovisual e outras manifestacións artísticas ao rural, facendo tamén protagonistas aos veciños e veciñas da zona.
A maiores, dende a organización aseguran que outras moitas actividades “completarán unha programación diversa e atractiva”.

