HomeNewsActualidadeO Tribunal Supremo valida o parque eólico de Bustelo e descarta a...

O Tribunal Supremo valida o parque eólico de Bustelo e descarta a fragmentación ilegal

O alto tribunal revoga a sentenza do TSXG de 2023, dando luz verde a un proxecto de 45 megavatios entre Carballo e Coristanco que conta cun investimento de 45 millóns de euros

O Tribunal Supremo vén de pechar un capítulo xudicial clave para o sector eólico galego. A Sala do Contencioso-Administrativo estimou os recursos presentados pola Xunta, Greenalia e a Asociación Eólica de Galicia, anulando así a sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que deixara en suspenso o parque eólico de Bustelo.

A clave da resolución reside na interpretación da “fragmentación” dos proxectos. O TSXG considerara inicialmente que este parque, situado nos concellos coruñeses de Carballo e Coristanco, formaba parte dunha división artificial de instalacións para eludir trámites ambientais. Porén, o Supremo desbota esta tese, apoiándose nos criterios xudiciais xa aplicados en 2025 para o caso do parque de Campelo.

Un criterio xurisprudencial claro

Segundo a sentenza do Supremo, o feito de que varios parques eólicos compartan infraestruturas de conexión non obriga a que sexan avaliados como un único proxecto de cara ao seu impacto ambiental. O alto tribunal conclúe que a resolución do tribunal galego non se axustaba á doutrina xurisprudencial e, polo tanto, confirma a plena legalidade da autorización administrativa concedida ao parque de Bustelo.

Este movemento xudicial chega nun momento de especial complexidade para a eólica en Galicia. O sector xa vira con esperanza os fallos do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) e do propio Supremo en 2025, que avalaran o procedemento de tramitación da Xunta, o que abrira a porta ao desbloqueo de múltiples instalacións que permanecían paralizadas cautelarmente.

Cambios nos tribunais e parálise pendente

A pesar deste novo aval, a situación dos eólicos en Galicia segue marcada pola controversia. Actualmente, decenas de parques continúan coa súa actividade suspendida de xeito provisional por motivos medioambientais.

Esta tensión xudicial trasladouse tamén aos despachos do propio TSXG. Recentemente, a presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo, María Azucena Recio González, ordenou o traslado do maxistrado Luís Villares —que asinara a parálise de decenas de proxectos— da sección terceira á cuarta. Este movemento, que afectou a catro xuíces en total, foi recorrido ante o Consello Xeral do Poder Judicial (CGPJ) e mantén o foco mediático e institucional sobre a xestión administrativa da enerxía eólica na comunidade.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS