HomeNewsActualidadeVigo acumula preto de 900 toneladas de lixo tras tres días de...

Vigo acumula preto de 900 toneladas de lixo tras tres días de folga

Os traballadores da concesionaria FCC reclaman un convenio "digno" e piden ao Concello que medie nun conflito estancado pola falta de subidas salariais e cláusulas de xubilación

A folga do servizo de recollida de lixo en Vigo entra nunha fase crítica. Ao peche desta terceira xornada de paros, as rúas da cidade acumulan xa preto de 840 toneladas de residuos orgánicos e materiais de reciclaxe sen retirar, segundo as estimacións do comité de empresa.

A tensión na rúa foi protagonista este martes cunha manifestación dos operarios de FCC, que rematou ás portas do Concello. Alí, unha representación sindical foi recibida polo concelleiro de Fomento, Javier Pardo, a quen solicitaron que actúe como mediador para forzar á empresa a negociar “sen chantaxes”.

Unha negociación bloqueada

O conflito ten dous puntos de fricción principais que o comité de empresa considera innegociables. Por unha parte, a actualización salarial: a proposta actual da concesionaria —un 0% de subida para 2026 e alzas do 1,5% e 2% para os anos seguintes— carece de cláusula de revisión acorde ao IPC, algo que os sindicatos rexeitan de plano.

Por outra, o comité mantén como “liña vermella” a xubilación parcial, un dereito que o persoal goza desde hai máis de dúas décadas e ao que non están dispostos a renunciar. Segundo o presidente do comité, Suso Diz, a postura da empresa é “absolutamente irresponsable”.

Sen resposta municipal

Tras o encontro con Javier Pardo, os sindicatos trasladaron que o concelleiro se limitou a tomar nota das súas reivindicacións sen ofrecer avances concretos. Polo momento, o goberno local non fixo ningunha declaración oficial sobre a súa posición ante o conflito.

Mentres non se desbloquee a situación, os servizos mínimos seguen garantindo a retirada de residuos en puntos críticos como centros hospitalarios, educativos, residencias de maiores e mercados. O resto da cidade conta con apenas 19 operarios operativos repartidos en tres quendas diarias.

A representación laboral volverá reunirse esta noite para sortear os servizos mínimos das vindeiras xornadas e definir novas mobilizacións, entre as que se prevé unha nova manifestación para este mércores.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS