HomeNewsActualidadeO Tribunal Constitucional avala por unanimidade a reforma laboral de 2021

O Tribunal Constitucional avala por unanimidade a reforma laboral de 2021

O alto tribunal desestima o recurso de Vox contra o decreto que buscaba reducir a temporalidade, ao considerar que estaba xustificado pola situación económica

O Tribunal Constitucional vén de ratificar a plena validez da reforma laboral aprobada en 2021. Nunha sentenza aprobada por unanimidade, os maxistrados rexeitaron o recurso de inconstitucionalidade presentado por Vox, que impugnara a totalidade do Real Decreto-Lei 32/2021 ao cuestionar a súa tramitación e contido.

A corte de garantías avala o uso da lexislación de urxencia dada a necesidade de implementar medidas estruturais no mercado de traballo nun momento de especial regresión económica tras a pandemia. Segundo a sentenza, redactada pola vicepresidenta do tribunal, Inmaculada Montalbán, o decreto non vulnera o dereito ao traballo nin a negociación colectiva.

Contido avalado fronte a críticas de forma

O tribunal ratifica os puntos centrais da reforma, como a xeneralización do contrato indefinido, a limitación da temporalidade e a regulación da vixencia e ultraactividade dos convenios. Sobre estes aspectos, conclúe que a norma non altera os elementos esenciais dos dereitos fundamentais protexidos pola Constitución.

En canto á polémica polo voto telemático do entón deputado do PP Alberto Casero —clave na aprobación parlamentaria da reforma—, o Constitucional mantén a súa doutrina previa. Descarta que se violase o procedemento, sinalando que a Presidencia do Congreso non tiña a obriga de permitir a rectificación do voto.

Pequenos axustes técnicos

Aínda que o bloque central da reforma sae reforzado, o tribunal si estima parcialmente o recurso en cuestións puntuais sen trascendencia no funcionamento do mercado laboral. Declara inconstitucionais dous mandatos incluídos no decreto que instaban ao Goberno a convocar o diálogo social para o estatuto do bolseiro e a análise de seguridade para menores. O tribunal entende que estas medidas non gardaban relación directa coa situación de “extraordinaria e urxente necesidade” que motivou a aprobación da norma.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, celebrou a decisión en redes sociais. “Vox quere dilapidar os dereitos laborais. Non o conseguiron nin o conseguirán”, sinalou tras coñecerse o fallo unánime.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS