HomeNewsActualidadeAlfonso Rueda rende homenaxe ao Mecalia Atlético Guardés pola súa "proeza histórica"...

Alfonso Rueda rende homenaxe ao Mecalia Atlético Guardés pola súa “proeza histórica” en Europa

O presidente da Xunta recibiu o equipo tras gañar o primeiro título continental de balonmán para un club galego, destacando o valor de competir na elite desde A Guarda

O deporte galego está de celebración. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu este martes a recepción oficial ao Mecalia Atlético Guardés para recoñecer o fito acadado o pasado domingo: converterse no primeiro club de balonmán de Galicia en conquistar un trofeo europeo.

No acto, ao que tamén asistiu o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, Rueda felicitou ás xogadoras, ao corpo técnico e á directiva, facendo extensiva a enhoraboa á afección do pavillón da Sangriña. O mandatario puxo en valor a “proeza histórica” dun club que logrou chegar ao cumio do balonmán continental.

Un referente desde A Guarda

Para o presidente autonómico, o mérito do equipo é dobre. Salientou a capacidade do club para competir contra os mellores na elite sendo unha entidade dunha localidade que, aínda sendo “fermosa e importante”, conta cunha poboación reducida en comparación con outras grandes cidades europeas.

“É un referente indiscutible do deporte feminino para as novas xeracións e un orgullo para toda Galicia”, afirmou Rueda. Durante a súa intervención, o presidente tamén destacou que este éxito é unha mostra máis do selo “Galicia Calidade”, animando ao equipo a manter esta ambición para seguir sumando éxitos nun momento que definiu como “de gran nivel” para o deporte galego.

Escoita aquí as palabras de Alfonso Rueda:

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS