HomeNewsActualidadeMos reforza o programa de compostaxe doméstica con novas entregas e seguemento...

Mos reforza o programa de compostaxe doméstica con novas entregas e seguemento personalizado

O Concello de Mos continúa avanzando na súa aposta pola compostaxe doméstica como ferramenta clave para reducir residuos e mellorar a sustentabilidade ambiental do municipio. A causa diso, durante estes días estanse a realizar novas entregas de composteiros individuais a veciñanza e visitas de seguimento aos equipos instalados nos últimos meses, dentro do programa municipal de xestión responsable dos biorresiduos.

A iniciativa forma parte da liña de traballo que o Concello presentou ás axudas da Xunta de Galicia para actuacións destinadas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos municipais. O proxecto prevé seguir ampliando a implantación da compostaxe individual entre vivendas unifamiliares e tamén entre grandes produtores do municipio.

Na actualidade, Mos conta xa con máis de 500 composteiros instalados, que dan servizo a arredor de 1.500 persoas, consolidando unha rede de compostaxe doméstica que continúa medrando ano tras ano. O obxectivo municipal pasa por alcanzar nos próximos anos arredor de 1.500 composteiros activos entre fogares e grandes produtores, chegando progresivamente ao 50 % das vivendas individuais do municipio.

As actuacións que se están desenvolvendo inclúen non só a entrega dos composteiros, senón tamén asesoramento técnico individualizado, formación práctica e visitas de seguemento para garantir o correcto funcionamento das instalacións e resolver dúbidas das persoas participantes. O programa contempla ademais o reparto de caldeiros domésticos para biorresiduos e kits específicos de compostaxe.

Segundo as estimacións técnicas do proxecto, estas accións permitirán separar en orixe unhas 21 toneladas anuais de biorresiduos e evitar a emisión de preto de 19 toneladas de gases de efecto invernadoiro, ao impedir que estes residuos rematen en vertedoiro ou incineración.

Desde o Concello de Mos destacan que a compostaxe doméstica supón “unha ferramenta ambiental eficaz, pero tamén unha forma de implicar directamente á cidadanía na redución e valorización dos residuos orgánicos”, ao tempo que permite obter compost natural para uso agrícola e de xardinaría.

O Goberno local anima á veciñanza interesada a seguir sumándose ao programa municipal de compostaxe, que continuará ampliándose progresivamente nos vindeiros meses.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS