O Concello de Ponteareas impulsará os próximos 29 e 30 de maio unha gran fin de semana dedicada ao comercio local, á moda e á dinamización das rúas coa celebración da “Tea Shopping Night” e da “Pasarela do Tea”, dúas iniciativas
que buscan converter a vila nun gran escaparate aberto cheo de “ambiente, música, actividades e experiencias para toda a veciñanza e visitantes”.
A programación arrancará o venres 29 de maio coa celebración da “Tea Shopping Night”, unha xornada especial na que os establecementos comerciais permanecerán abertos de 20:00 a 00:00 horas ofrecendo descontos exclusivos, promocións especiais e propostas únicas para incentivar as compras no comercio local.
Ademais, durante toda a noite, as rúas de Ponteareas encheranse de vida cunha programación complementaria pensada para todos os públicos, que incluirá concertos, exhibicións, moda, música, espectáculos, degustacións, actividades e animación infantil, creando “unha experiencia comercial e de lecer diferente e atractiva”.
O concelleiro de Comercio, Ricardo González, destaca que “queremos que Ponteareas viva unha gran noite de comercio, ambiente e dinamización, apoiando aos nosos establecementos e demostrando que mercar no comercio local é tamén unha experiencia. Os veciños e veciñas teñen unha gran oportunidade para mercar doutra forma, noutro horario e cunha gran variedade de ofertas e promocións”.
Ricardo González sinala ademais que “estas iniciativas permiten poñer en valor o enorme potencial do tecido comercial ponteareán, xerando movemento económico, actividade nas rúas e unha programación atractiva tanto para a veciñanza como para persoas doutros municipios. Por iso agradecemos a participación e compromiso de todas as persoas participantes porque, sen eles, non sería posible levar a cabo un evento deste nivel”.
A programación continuará o sábado 30 de maio coa celebración da “Pasarela do Tea”, un desfile de moda ao aire libre que terá lugar ás 20:30 horas na Avenida da Constitución e no que os comercios locais serán os grandes protagonistas mostrando as súas propostas e tendencias.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, anima á cidadanía “a saír á rúa, apoiar ao comercio local e desfrutar dunha fin de semana pensada para converter Ponteareas nun espazo cheo de vida, moda, cultura e convivencia”.

