Relevo de calado no asociacionismo empresarial de Galicia. Tona Martínez García, directiva de Finsa, converteuse na nova presidenta da Asociación Galega de Empresa Familiar durante a clausura da XXVI asemblea xeral de socios. Martínez asume o cargo “con toda a ilusión e as gañas” no que definiu como “un relevo xeracional”. Na súa estrea, a dirixente demandou medidas “valentes” para construír un “entorno estable” que reforce a competitividade e faga da comunidade un territorio atractivo para o investimento.
A líder empresarial debullou os principais retos que ten por diante o colectivo, sinalando de forma directa as transformacións tecnolóxicas, a internacionalización e as facilidades na remuda da xestión. Entre os grandes problemas actuais que preocupan ao tecido produtivo, Martínez situou o absentismo laboral.
Rueda advirte de que “o que non funciona é non facer nada”
O guante foi recollido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen asitiu ao acto acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación das Infraestruturas, María Martínez Allegue. Segundo recolle Europa Press, Rueda admitiu que o Goberno galego non posúe “ningunha varita máxica” para erradicar o absentismo nas empresas, pero advertiu de xeito contundente que “o que non funciona é non facer nada”.
O xefe do Executivo autonómico insistiu en que este fenómeno representa un problema grave e cargou contra aqueles sectores que negan a súa existencia. Para facerlle fronte, Rueda puxo en valor o paquete de medidas aprobado este luns no Consello da Xunta, deseñado para ofrecer unha colaboración diaria e directa da administración galega coas empresas, ao tempo que pediu fuxir de posturas demagóxicas nesta discusión.
Reivindicación da estabilidade fronte ao panorama andaluz
Durante a súa intervención, Rueda aproveitou a conxuntura política para analizar os resultados das eleccións andaluzas, apuntando a dificultade crecente que existe hoxe en día para obter maiorías absolutas. Nese contexto, contrastou a situación de fóra coa estabilidade institucional que vive Galicia fronte ao que denominou como o “auge da esquerda e da extrema dereita”, comprometéndose a blindar un escenario político preditible na comunidade.
O presidente galego tamén citou a estratexia Retorna como unha ferramenta crave para atraer talento a Galicia e destacou a asistencia ao evento do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), manifestando que se a xustiza funciona de xeito correcto, o resto das cousas tamén funcionan.
Escotet analiza o impacto da intelixencia artificial e os tipos de interese
A xornada empresarial tamén contou coa ponencia do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet. O banqueiro centrou os seus argumentos nos desafíos que introduce a intelixencia artificial e a complexidade do panorama xeopolítico internacional a día de hoxe.
Neste sentido, Escotet puxo o foco sobre a “volatilidade” que marca a evolución dos tipos de interese, cuxo impacto asegúrase notar en todos os elos da cadea de valor económica. Malia todo, amosou unha visión optimista e sinalou que, historicamente, nos momentos de maior incerteza sempre xorden oportunidades de gran valor que o tecido empresarial galego debe saber aproveitar.
Escoita aquí as declaracións do presidente da Xunta:

