O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) inaugurou esta fin de semana a súa décimo sexta edición, transformando o seu recinto nun espazo de reflexión arredor da “Liberdade”. Este concepto serviu de fío condutor para que paisaxistas de todo o mundo proxectasen a súa creatividade en espazos que convidan “a romper barreiras e conectar coa natureza”.
O acto, conducido pola xornalista alaricana Raquel Rosa, iniciouse coas notas do violinista alaricano Daniel López, quen puxo a banda sonora á benvida institucional. Durante a apertura, Raquel convidou ao público a reflexionar sobre un concepto tan necesario como o da liberdade, que “nesta edición funciona como un lenzo en branco para profesionais do deseño de todo o planeta”.
No transcurso do evento, lembrouse a excelencia da edición pasada, destacando o traballo de Claudia Carolina Avila con ‘El Jardín de Rocallas’ (Premio do Xurado Técnico) e do equipo formado por Mónica Alonso, Lucía González e Isabel Gutiérrez con ‘¡Se chove, que chova!’ (Premio do Público).
Con todo, a convocatoria quedou marcada polo recibimiento de 56 proxectos. Finalmente, foron nove as propostas seleccionadas e que poderán visitarse no recinto. As creacións, estarán acompañadas polas dúas propostas gañadoras do 2025 e plo xardín dedicado aos centros educativos de Allariz, co obxectivo de “por en valor a implicación da comunidade escolar no certame”.
A diversidade cultural é a nota dominante deste ano, con participación de profesionais procedentes de Sudáfrica, Países Baixos, Colombia, Chile, México, Austria, Italia e Portugal, ademais de representación de diversos puntos do Estado como Murcia, Barcelona, Madrid ou A Coruña.

