HomeNewsActualidadeO Porriño adica a nova praza da humanización de Pío XII ao...

O Porriño adica a nova praza da humanización de Pío XII ao compositor Antonio I. Paz Valverde

O Concello do Porriño inaugura este xoves 14, ás 20:30 horas, a praza Antonio I. Paz Valverde, un dos espazos creados na humanización de Pío XII, xunto ao parque Fontevella, e onde se empraza a casa do prolífico compositor porriñés. Así, “no lugar onde naceron gran parte das case 180 obras, entre composicións e arranxos, que ten no seu haber, lembrarase para sempre a este insigne porriñés, falecido no ano 2022” aseguran dende o goberno local.

A súa figura honrarase tamén no momento da inauguración nun acto que pretende ser unha homenaxe ao compositor e director, creador da Coral Polifónica do CRC ou do Orfeón Porriñés. Un home cuxo legado, segundo o Consello da Cultura Galega, “é parte destacada do patrimonio musical de Galicia”.

“Non queremos que ese legado se esqueza na súa casa, no Porriño”, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, que engade que “por iso a música vai ser unha parte importante da inauguración, con pezas de Valverde que serán interpretadas por destacados músicos que, á súa vez, tiveron unha relación especial co autor”. Así, entre outros, actuarán o pianista Alejo Amoedo e as sopranos Rita Baladrón e Dolores Crespo.

O acto contará tamén coa presenza da Banda de Música do Porriño e unha pequena exposición sobre Paz Valverde. “Grazas á xenerosidade da súa familia, poderemos achegarnos á súa vida, á súa obra e á súa figura”, conclúe Lorenzo.

Antonio I. Paz Valverde

Antonio Ignacio Paz Valverde foi un prolífico compositor e director coral porriñés, peza clave na renovación da polifonía galega contemporánea. Destacou pola súa extensa produción relixiosa e por musicar a grandes poetas galegos, deixando un legado que é patrimonio esencial da música de Galicia.

A súa pegada artística transcendeu fronteiras grazas ás gravacións que triunfaron na emigración, en América e en Europa, e ás versións que hoxe seguen a realizar artistas de renome, desde voces líricas ata figuras do pop e o folk internacional.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS