Xoves, Maio 7, 2026
HomeNewsActualidadeA Xunta propón o mércores 9 de setembro como data de inicio...

A Xunta propón o mércores 9 de setembro como data de inicio para o vindeiro curso escolar

A Consellería de Educación presentou aos sindicatos o borrador do calendario 2026-2027, que mantén a unificación de datas para todas as etapas desde Primaria ata Bacharelato

A Consellería de Educación xa ten deseñado o borrador do novo calendario académico en Galicia. Segundo a proposta que o Goberno galego trasladará á Mesa Sectorial a vindeira semana, as clases comezarían de xeito xeral o mércores 9 de setembro e rematarían o martes 21 de xuño.

Este cronograma afectará á práctica totalidade das etapas educativas. Porén, existen excepcións puntuais: o alumnado de segundo curso de Bacharelato finalizará segundo as datas da Selectividade, mentres que os segundos ciclos de FP (básica, media e superior) concluirán o curso o 15 de xuño.

Adaptación e ensinos especiais

Para os nenos e nenas que comecen en 4º de Educación Infantil, os centros poderán activar un período de adaptación gradual que non se estenderá máis alá do 15 de setembro. Pola súa banda, os ensinos de réxime especial —como idiomas, artes ou deportes— terán certa flexibilidade para iniciar a actividade, poñendo como data límite o 16 de setembro.

Datas clave: Nadal, Entroido e Semana Santa

O plan da Xunta detalla tamén os períodos de descanso para a comunidade educativa:

  • Nadal: Do luns 21 de decembro ao mércores 6 de xaneiro (ambos incluídos).
  • Entroido: Serán non lectivos o 8, 9 e 10 de febreiro.
  • Semana Santa: O parón irá do luns 22 ao luns 29 de marzo.
  • Outros festivos: Non haberá clase o 7 de decembro (Día do Ensino), ademais dos festivos estatais, autonómicos e locais.

Negociación sindical

Tal e como informou a Administración autonómica, este borrador debaterase o vindeiro mércores 13 de maio cos sindicatos. Na reunión tamén se tratará a reconfiguración do horario do profesorado de secundaria, un punto acordado coas centrais CC.OO., ANPE, UGT e CSIF. Pola contra, a CIG —sindicato maioritario— non participou nestas negociacións ao non asinar o acordo educativo de 2023.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS