domingo, octubre 12, 2025
InicioNewsComarcasO Concello de Ponteareas reclamará a Óbolo os gastos económicos para solventar...

O Concello de Ponteareas reclamará a Óbolo os gastos económicos para solventar as incidencias co SAF

O Concello de Ponteareas reclamará á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar, Óbolo, os gastos que supón «solventar as incidencias» para as arcas municipais. Así o vén de anunciar o goberno municipal a través dunha rolda de prensa na que compareceu o concelleiro de Facenda, Francisco Jesús Represas e a alcadesa, Nava Castro. Estiveron acompañados pola edil de Urbanismo, Silvia Fernández, e o encargado da área de Ensino, Ricardo González así como o de Xuventude, Cristian Montes. Na comparecencia non estivo a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, porque «está de viaxe», segundo explicaron. As traballadoras do SAF levan dúas semanas en folga indefinida, reclamando que se lle rescinda o contrato á empresa.

Neste contexto, a adminsitración local detallou as incidencias que o Concello conseguiu solventar a través de recursos propios. É o caso de material de papelería, roupa de traballo e utensilios de hixiene, un sistema de fixache ou un de xestión integral, entre outras cuestións. Ademais, o edil de Facenda, Francisco Jesús Represas, explicou que os técnicos municipais procederon á supervisión das nóminas das traballadoras e «de media, cobran 50 euros menos ao mes do que lle corresponden«. Con todo, indica que «todo isto está xa solucionado e algúns dos puntos en proceso de solución».

Sobre a contía económica que supón para as arcas municipais que o Concello solvente as deficiencias da empresa concesionaria do SAF de Ponteareas, Represas indicou que se trata de «menos de 10.000 euros» e que, en todo caso, «nunha segunda fase se lle reclamará á Óbolo» porque «primeiro temos que solucionar a problemática e logo reclamamos o que teñamos que reclamar». Incidiu, de novo, en que «a pesar de que tería un custo para o Concello, aceptaríamos a renuncia voluntaria da empresa» e abriu as portas a abrirlle un expediente sancionador.

Represas quixo denunciar que «a anterior empresa que tiña a concesión do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas marchou co historial clínico de cada usuario, algo que é totalmente ilegal, e é por iso que na actualidade non se contaba cun protocolo de actuación para cada unha das persoas que se atenden«, pero «xa está en marcha».

Inspección de traballo por servizos mínimos

Pola súa banda, o concelleiro de Facenda, Fracisco Jesús Represas, que é o encargado de «velar polo cumprimento dos contratos que conleven un orzamento de máis dun millón de euros», segundo explicaron desde o goberno municipal, en resposta ás preguntas sobre o papel da edil de Benestar Social, Raquel Plana, explicou que o Concello recibiu unha inspección de traballo co obxectivo de examinar os servizos mínimos da folga indefinida das traballadoras por unha denuncia do sindicato CIG e que «a Seguridade Social non mirou nada ilegal». En todo caso, «continuará a vía xudicial pola denuncia do sindicato«.

Cómpre lembrar que a empresa concesionaria do servizo, Óbolo, procedeu a abrir ata 8 expedientes disciplinarios a aquelas traballadoras que non cumpren cos 45 minutos estipulados para cada usuario e usuaria. Segundo explicou Represas, «debeuse a que realizaron declaracións públicas, decindo que só ían a facer o esencial e non o podemos permitir porque non se pode xogar coa saúde das persoas».

Seguimento da folga

En canto ao seguimento da folga indefinida no SAF de Ponteareas, o concelleiro, Francisco Jesús Represas, idicou que ao inicio, o 26 de setembro, «era do 60%» e que «no día de onte, 9 de outubro, o seguimento era do 43%». Ademais, indicou que «recibimos dúas queixas de usuarios e de usuarias pola folga» e que «é á vez que menos queixas recibimos». O goberno municipal mantivo dúas reunións coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e «emprazámolas a manter cantas queiran». Segundo puido saber o equipo de informativos de Si Radio, non levantarán, polo de agora, a folga indefinida.

Ademais, o goberno municipal manifestou hoxe que «o sindicato CIG, que é quen está detrás desta folga, critica que incluso o Concello queira solventar as incidencias porque o único que queren é que a empresa queda fóra e que municipalicemos o servizo, algo que este goberno non está a favor de que iso ocorra«.

Represas denunciou, ademais, que «se trata dunha utilización política» en referencia ao apoio dos grupos da oposición á folga indefinida das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. A alcaldesa, Nava Castro, explicou que «tampouco se pode permitir que entren polo Concello» e que «entraron con bandeiras nacionalistas e independentistas, algo que non ten nada que ver coa defensa do SAF». Sinalou a rexedora ao Bloque Nacionalista Galego e ao grupo municipal de Ponteareas en Común.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS