O 58% dos 855 ciclos de Formación Profesional ofertados para o vindeiro curso en Galicia xa se atopan completos tras a primeira adxudicación de prazas, pechada onte pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e que dá dereito a matrícula. Un total de 56.049 persoas presentaron solicitude para cursar algunha modalidade de Formación Profesional, o que representa un incremento do 3,5% (1.898 solicitudes máis) con respecto ao curso 2024-25, e supón acadar de novo un máximo histórico que confirma o interese que espertan estas ensinanzas entre os cidadáns en Galicia.
O incremento máis acusado concéntrase nos máster de FP, que crecen un 28,8%, con 1.352 solicitudes recibidas. En segundo lugar atópase a FP Básica, cun crecemento do 13,6% ata acadar as 3.432 solicitudes. Esta dinámica alcista está aliñada cun dos obxectivos do Plan FPGal360 de reforzar a FP Básica como unha vía para a capacitación profesional de persoas que abandonaron o sistema educativo no seu momento ou que pertencen a colectivos máis vulnerables, garantíndolles unha oferta ampla e variada para que poidan acceder a unha mellor formación e cualificación e, paralelamente, reducir o abandono temperán.
Tamén cómpre destacar as solicitudes dos ciclos medios comúns, con 13.011 peticións (705 máis e un aumento do 5,7%), que se trata de formacións de técnicos dos oficios máis demandados e aos cales tamén teñen acceso os estudantes que finalizan os ciclos básicos. Para os ciclos comúns de grao superior houbo 15.250 solicitudes (un 1,3%), mentres que a FP Dual Intensiva de grao medio crece un 2,5% con 1.259 peticións.
Dos 855 ciclos totais ofertados en réxime común, 496 xa están completos (o 58,01%). En outros 359 quedan prazas vacantes de cara ás próximas adxudicacións. No caso dos ciclos de grao medio, esgotaron prazas un total de 238 ciclos (55,61%), mentres que 190 aínda dispoñen de prazas. En grao superior, 258 (60,42%) cubriron prazas, mentres que 169 aínda dispoñen de vacantes para as sucesivas adxudicacións.
Matrícula
Ata o 18 de xullo ás 13:00 horas o alumnado deberá confirmar ou renunciar á praza adxudicada, xa que de non facelo quedará excluído do procedemento. Froito destas posibles renuncias, é posible que ciclos que neste momento figuran como completos, a partir do día 18 pasen a dispor de prazas dispoñibles, aínda que a maioría dispón de persoas en listaxe de espera.
Cando comeza a segunda adxudicación?
A segunda adxudicación de prazas será o día 22 de xullo e a terceira o 29 de xullo. Logo das tres adxudicacións, que este ano por primeira vez se concentran en xullo co fin de axilizar o proceso, do 1 ao 26 de setembro seguirá aberta a adxudicación continua dende os propios centros educativos naqueles ciclos formativos onde queden prazas vacantes.