O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou hoxe de que o Consello aprobou “destinar 5,7 millóns de euros a un novo programa para promover que 1.300 vivendas de titularidade privada se poñan en alugueiro con rendas accesibles”. Trátase do programa Fogar Vivo, anunciado o pasado mes de abril polo presidente Alfonso Rueda no Parlamento, e que busca ampliar a oferta de inmobles en alugueiro na comunidade.
Tal e como explicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, as axudas – “que esperamos ter convocadas este verán”- van dirixidas a propietarios de vivendas baleiras en Galicia para “darlles unha nova vida e que supoñan unha oportunidade para acceder a un fogar digno, de calidade” e a un prezo accesible.
Contía
Tal e como explicou Calvo, os propietarios poderán recibir “ata 16.000 €” por vivenda para realizar reformas e adaptala para poñela en alugueiro ou para cubrir os gastos de seguros de impago ou de fogar. Unhas medidas que se suman, como lembrou a conselleira, “aos incentivos fiscais que están en marcha desde xaneiro” para os propietarios que poñan en alugueiro novos inmobles.
A contía máxima das subvencións impulsadas pola Xunta será de 16.000 euros por vivenda, e variará segundo se as actuacións son para a adecuación e reparación das vivendas que se incorporen ao mercado de alugamento cunha renda accesible ou se son axudas directas, para facer fronte ao custo dos seguros de impagamento e ou de multirrisco no fogar, como garantía do contrato de alugamento que se formalice no marco deste programa.
En concreto, os incentivos para a adecuación e reparación das vivendas que se incorporen ao mercado de alugamento cunha renda accesible poderán acadar ata os 11.000 euros. As actuacións subvencionaranse polo 80% do gasto xustificado, con independencia do número de actuacións que se realicen.
Requisitos para o Fogar Vivo en Galicia
Entre os requisitos para que as vivendas poidan acceder ao programa Fogar Vivo é que estas deben estar baleiras, entendéndose por tales aquelas que non fosen arrendadas nos tres meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude. Ademais, as vivendas deberán destinarse ao alugamento, cando menos, durante cinco anos ou sete anos no caso de persoas xurídicas, de acordo co previsto na lexislación de arrendamentos urbanos.
Para facer efectivas estas axudas, poderán realizarse pagamentos anticipados de ata un 80% das axudas concedidas previamente á xustificación das obras executadas. Neste suposto, o 20% restante pagarase coa xustificación final da obra. Ademais, o novo programa propón incentivos vinculados, con axuda económica directa para aqueles contratos de alugamento en que figure/n como persoa/s arrendataria/s mozos e mozas menores de 36 anos, persoas con menores a cargo ou unidades familiares con persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade, no caso de vivendas que solicitaran a axuda para a adecuación e reparación. A contía da axuda será de 2.000 euros.
Doutra banda, o programa Fogar Vivo tamén dispón de axudas económicas directas, para facer fronte ao custo dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar como garantías do contrato de alugamento que se formalice no marco deste programa. A contía da axuda será de ata 3.000 euros para toda a duración do contrato de alugamento (5 anos para as persoas físicas, 7 anos para as persoas xurídicas).
As liñas básicas deste programa foron validadas na Sección de intermediación e financiamento do Observatorio de Vivenda de Galicia que tivo lugar o 25 de abril de 2025 en que estaban representados os concellos de Galicia por medio da Fegamp; os axentes da propiedade inmobiliaria por medio do Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria; as inmobiliarias de Galicia a través da Asociación Galega de Inmobiliarias; o Consello Galego de Arquitectura Técnica, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Federación de Promotores de Galicia e a Asociación Provivenda.