O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes o convenio de colaboración co alcalde de Arbo, Horacio Gil, para o financiamento do proxecto de reforma e ampliación dunha edificación para convertela en centro de atención á infancia. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, «o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos», segundo indican desde a Deputación. No Pazo provincial, López e Gil selaron un acordo a través do cal o a Deputación achega preto de 490.000€ para o financiamento dun proxecto valorado en 574.000€.
O proxecto céntrase nunha edificación existente que foi reformada recentemente para crear un Centro Social, onde se aloxan tamén oficinas municipais. A parte posterior da planta baixa deste inmoble estaba sen reformar xa que desde esa zona é posible ampliar a edificación para crear outro espazo municipal. O obxecto deste proxecto é a creación dun Centro de Atención á Infancia. Na planta baixa, con acceso directo desde a parcela, resérvase un espazo de aparcamento integrado nunha zona verde. O acceso realízase a través dun patio cuberto con zona para carriños e vestíbulo. O edificio contará con tres aulas polivalentes que poden unirse nun só espazo, habilítase tamén un patio de xogos con zonas cubertas e descubertas, así como unha cociña con acceso exterior, conectada directamente coa sala de usos múltiples.
Ademais, o Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial un total de 1,1M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.