jueves, mayo 8, 2025
InicioComarcasBaixo MiñoA falta de cobertura en Tomiño chega ao Congreso e esixen "un...

A falta de cobertura en Tomiño chega ao Congreso e esixen «un plan extraordinario»

A internet e as novas tecnoloxías volvéronse, sobre todo no contexto da pandemia da COVID 19, imprescindibles tanto para a vida persoal como profesional. Con todo, aínda hai municipios en Galicia que carecen deste servizo do século XXI. Un deles localízase na comarca do Baixo Miño, en Tomiño, polo que os deputados nacionais do Partido Popular pola provincia de Pontevedra levaron ao Congreso dos Deputados este feito que o califican como «un grave problema». Un problema que, segundo apuntan, «agravouse nos últimos anos como consecuencia do aumento das liñas e a deficiente rede de infraestruturas e postes».

Deste xeito, os parlamentarios respaldan totalmente as demandas dos populares locais e esixen do Goberno de España «unha actuación inmediata e un plan extraordinario para a mellora da cobertura». Esta iniciativa, que se formalizou a través de senllas preguntas na Cámara Baixa, foi anunciada polos deputados Irene Garrido e Juan Bayón nunha visita realizada a Tomiño, onde coñeceron in situ as importantes deficiencias da súa rede de telecomunicacións da man da presidente do PP local, Lara Meneses; da voceira municipal, Mónica Otero; e doutros concelleiros da formación. Nesta reunión de traballo e no percorrido polos puntos con esta problemática do municipio estiveron acompañados tamén polos parlamentarios autonómicos Julio García Comesaña, Raúl Santamaría e Felisa Rodríguez.

“É inadmisible que Tomiño padeza esta situación coa telefonía móbil en pleno ano 2025 e o Goberno de España non faga nada de nada, malia ser o municipio con peores telecomunicacións da provincia e mentres anuncia reforzos de postos noutros concellos da provincia”, explicaron Garrido e Bayón, que engadiron que esta situación afecta á calidade de vida dos veciños, prexudica o desenvolvemento socioeconómico de Tomiño, «dificulta das comunicacións persoais e profesionais, limita o acceso a servizos básicos e obstaculiza a actividade, asentamento e crecemento de industrias, pemes e autónomos».

Por elo, van preguntar directamente ao Goberno de España, como administración competente e atendendo a demanda do PP de Tomiño, polas súas previsións e prazos para acometer actuacións de mellora de cobertura, a concreción dos investimentos previstos e a posibilidade de poñer en marcha un plan extraordinario de telecomunicacións dada a mala situación da cobertura no municipio.

Pola súa banda, a presidenta do PP local, Lara Meneses, explicou que a súa formación leva anos denunciando este problema tras recoller centos de queixas dos veciños e tamén insistindo ante o goberno local do BNG para que presionase ao Goberno de España na procura dunha solución urxente, “pero o Bloque, máis alá da foto para quedar ben e das iniciativas inservibles de cara a galería, non ten un interese real en solucionar esta cuestión porque iso suporía molestar ao PSOE en Madrid que, como todos sabemos, é algo que non fai nunca”.


مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS