martes, marzo 25, 2025
InicioNewsActualidadeCondenan a oito anos e medio de cárcere a un home por...

Condenan a oito anos e medio de cárcere a un home por tentar asasinar a outro cun machete nunha discoteca

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condena a oito anos e medio de prisión a un home que tentou asasinar a outro no interior dunha discoteca. O tribunal, ademais, imponlle a prohibición de comunicarse e de aproximarse á vítima durante 10 anos, así como a expulsión do territorio español en canto obteña a liberdade condicionada, con prohibición de entrar en España durante 10 anos. O sospeitoso deberá indemnizar ao prexudicado con 4.400 euros.

Os maxistrados relatan na sentenza que, na madrugada do 5 de marzo de 2023, o acusado, que xa tivera ese día un incidente previo coa vítima, achegouse a ela por detrás, portando consigo un machete de 45 centímetros de folla e, sen ser visto, “asestoulle un golpe de considerable intensidade na cabeza co machete”. Ante iso, o prexudicado, segundo consta na resolución, virouse, lanzou o vaso que levaba na man e saíu tras o acusado, conseguindo darlle alcance e facéndose coa arma. Como consecuencia da agresión, a vítima precisou 40 días de curación, dos que 30 foron impeditivos para as actividades da vida diaria.

Os maxistrados destacan que non consta que o condenado “padeza patoloxía mental ningunha, nin que o día dos feitos presentase unha limitación das súas capacidades psicofísicas que lle impedise comprender a licitude dos seus actos e actuar conforme tal comprensión”. Ademais, salientan que o ataque foi “por sorpresa, por detrás, rápido e directamente dirixido á cabeza”. A iso, engaden que empregou “unha arma branca de considerables dimensións”, todo o cal “cernou as posibilidades de defensa da vítima e permitiu ao acusado asegurar o resultado perseguido, sen que esta conclusión se alterase polo feito de que a vítima, tras a agresión, perseguise ao seu atacante, chegando a quitarlle a arma que portaba”.

Na sentenza, os xuíces tamén destacan “o momento e circunstancia elixidos para acabar coa vida da vítima”, pois indican que se aproveitou “dun momento distendido preto da barra dun lugar público, tras pedir unha consumición, onde non parece que sexa esperable ataque ningún”. A Sala recalca que o golpe o dirixiu á cabeza, “con tal contundencia que fracturou o óso temporal”. Todo iso, segundo conclúen os maxistrados, “determina que a inferencia do dolo de matar sexa evidente, por máis que circunstancias alleas ao agresor non determinasen un risco vital, que foi conxurado coa rápida asistencia prestada”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS