O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, veñen de presentar a programación cultural do Teatro Municipal de Tui para o primeiro trimestre do ano, que desenvolverá dende o venres 31 de xaneiro ata o venres 14 de marzo. As entradas para todas as funcións poranse á venda este venres 24 de xaneiro ás 12:00 horas na páxina web www.tui.gal.
A programación dará comezo o vindeiro venres 31 de xaneiro co espectáculo musical “Fado Alexandrino” presentado pola compañía portuguesa Teatro Nacional Sao Joao do Porto e que terá lugar ás 20:00h. A proposta está pensada para un público adulto e forma parte dos actos conmemorativos do 50 aniversario da Revolución dos Cravos.
De seguido, o 7 de febreiro, abrirase a porta ao humor co monólogo “Xa que o sabes, voucho contar, e cantar” de Federico Pérez. O venres 14 de febreiro poderase desfrutar do espectáculo familiar “Compaña” da man de Xampatito Pato.
A continuación, o vernes 21 de febreiro o Teatro Municipal de Tui acollerá a estrea de “Transeúnte” de Daniel Rodríguez, unha obra de danza contemporánea coproducida polo Centro Coreográfico Galego.
O venres 7 de marzo volverá ser a quenda dos máis pequenos, co espectáculo familiar “Facendo o indio” da man de Galitoon, unha proposta de teatro de humor xestual para nenos e nenas.
Por último, o venres 14 de marzo, ás 21:00h pechará esta programación “Desterradas”, de Producións Teatrais Escénicas. Unha obra ambientada no século XVI narrando unha historia de rebelión e resistencia.
Dende o goberno local aseguran que “esta programación representa a aposta que o Concello de Tui realiza por presentar unha oferta cultural de calidade, variada, estable e para todos os públicos, e que converte ao teatro tudense nun referente tanto en Galicia como no Norte de Portugal”.
Programación completa aquí:
