A partir de hoxe atópase aberto o prazo de presentación de obras ao tradicional concurso de postais de Nadal do Concello de Mos. Dirixido a toda a cativada que queira participar, iníciase o concurso titulado “Espírito do Nadal”. O obxectivo deste certame é que, a través dos debuxos e mensaxes dos participantes, a catividade exprese como interpretan a esencia desta celebración tan especial. “Esta é unha gran oportunidade para deixar voar a súa imaxinación e plasmar nunha postal o que significa para eles o verdadeiro espírito do Nadal”, explicaron as representantes municipais Nidia Arévalo e Sara Cebreiro.
“O Nadal é un tempo cheo de maxia, alegría e momentos especiais que nos invitan a compartir, axudar e celebralo xuntos. Para moitos, o verdadeiro espírito do Nadal significa bondade, xenerosidade e amor cara aos demais. Cada neno vive e sente o Nadal dunha forma única e especial, e queremos darlle a oportunidade de expresar toda esa ilusión e creatividade”, insisten a rexedora local e a edil de Cultura e Política Social, quenes quixeron ademáis convidar “a todos os nenos e nenas a participar no noso Concurso de Postais Espírito do Nadal”.
Características do certame «Espírito do Nadal»
Neste concurso do Nadal poderán participar todos os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Así mesmo, a postal poderá ser en galego ou en castelán e poderáselle engadir ademais de debuxo todo tipo de elementos como ilustracións, fotos e outros contidos. Os materiais a empregar serán escollidos por os artistas como ceras, lápices, bolígrafos, rotuladores, telas e recortes. O tamaño non poderá exceder dun folio tamaño A4 por un só lado e a extensión mínima será de medio folio A4 por un só lado.
Convídase a engadir tamén unha frase, que pode ser un desexo que non sexa de carácter material ou expresando qué lles gustaría que cambiase no seu contorno cotián. A postal deberá ser obra do propio neno, que incluirá ao final como mínimo, o seu nome, idade, enderezo e teléfono de contacto. Só se aceptará unha postal por persoa.
Establécense tres categorías de idade distribuídas da seguinte forma como Categoría I de 3 a 5 anos, Categoría II de 6 a 8 anos e Categoría III de 9 a 12 anos. As postais pódense entregar na Biblioteca Pública Muncipal María Magdalena en horario de luns a venres de 10.00 a 21.00 horas. Estas estarán expostas nunha mostra que permanecerá na Biblioteca do 23 de decembro ao 3 de xaneiro en horario de 09.30 a 14.30 horas.
O xurado estará formado polos propios nenos participantes no concurso. Dende o 23 ao 27 de decembro, en horario de 09.30 a 14.30 horas, poderán visitar a exposición para votar unha obra de cada categoría. Establécese un premio por categoría, que se entregarán o xoves 2 de xaneiro de 2025 nun acto con animación na propia Biblioteca. Os premios consistirán nun vale de compra máis un diploma para cada un dos gañadores das tres categorías.