O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense vén de presentar unha moción para o vindeiro pleno provincial “a respecto da nefasta comunicación por transporte público das comarcas de Celanova e da Baixa Lima“
Desde a organización nacionalista, demándase o apoio da corporación provincial para acadar da Xunta de Galiciaa “a modificación da situación do transporte público para estas comarcas co obxectivo de acadar o aumentos das frecuencias diarias entre Ourense, Celanova e Bande” así como a “adaptación dos horarios ás necesidades dos usuarios, xa que os actuais non permiten usar o transporte público no día a día“.
Tamén, sinalaba o deputado provincial do BNG Xosé Manuel Puga, “esiximos da Xunta de Galicia crear reforzos de frecuencias os venres e domingos pola tarde, no dobre sentido Bande-Ourense, ao se producir nos últimos anos un aumento de demanda de estudantes e traballadores que se desprazan dende Ourense na fin de semana”. Os nacionalistas consideran que é necesario “crear servizos os días festivos”.
Para os nacionalistas tamén é preciso a mellora das redes intermunicipais e as súas conexións coas cabeceiras de comarca, “especialmente en época non escolar que permitan á poboación facer uso doutras liñas principais cara Ourense”.

