martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsActualidadePorriño contará cun cine municipal no 2025

Porriño contará cun cine municipal no 2025

O Concello do Porriño contará cun cine municipal para o próximo ano 2025. Así o anunciou o alcalde, Alejandro Lorenzo Caroca, no almorzo informativo cos medios de comunicación que tivo lugar o pasado martes e no que se fixo balance do traballo realizado durante este ano. Ademais, tamén informou que no 2025 se procederá á reforma do Parque Ordóñez.

O novo cine municipal estará ubicado nas instalacións do Centro Cultural, no que se realizará unha reforma para poder crear unha sala de proxeccións. O custe das obras e do mobiliario preciso para esta instalación ronda os 400.000€ e a entidade municipal conta xa cunha concesión de 70.000€ por parte da Xunta de Galicia para a adquisición dunha pantalla.

Do mesmo xeito, a obra da reforma do Parque Ordóñez, anunciada por Lorenzo e prevista para o próximo ano 2025, ronda tamén os 400.000€.

Por outra banda, a obra de ampliación do Centro Cultural para albergar o novo auditorio foi xa adxudicada esta semana e procederase á súa realización durante os próximos 20 meses. A empresa Castros Figueiro SL será a encargada de acometer a reforma por valor de preto de 2,8 millóns de euros.

Segundo afirmou o alcalde «o apoio económico doutras institucións é imprescindible, xa que o presuposto do concello é insuficiente». Por este motivo, o goberno municipal pretende solicitar todas as axudas posibles doutras institucións, como da Deputación de Pontevedra.

Neste sentido, o Concello do Porriño presentará en xaneiro a convocatoria do plan EDIL, coñecido como o antigo EDUSI, co fin de conseguir ata 18 millóns de euros de fondos europeos. En caso de lograr a subvención, o goberno local «investirá os fondos na mellora do polígono residencial de Torneiros, nunha liña de autobús urbano entre as parroquias e o centro e a financiación do novo auditorio» asegurou o alcalde durante o almorzo informativo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS