martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasPonteareas e Mondariz envían tres trailers de axuda ao pobo valenciano de...

Ponteareas e Mondariz envían tres trailers de axuda ao pobo valenciano de Sedaví

O Concello de Ponteareas e o de Mondariz amosan o seu lado máis comprometido e solidario coas vítimas da DANA e envían tres camións de axuda ao Concello de Sedaví, en Valencia. A alcaldesa pontareana Nava Castro agradece as xestións realizadas polo alcalde de Mondariz, Pablo Barcia. «Dende o primeiro momento se puxo en contacto coa concelleira de Servizos Sociais de Sedaví, Úrsula Isabel Campo, para coordinarse e poder atender o antes posible ás necesidades básicas dos afectados», afirma a rexidora local de Ponteareas.

A axuda transmitiuse a través de materiais de hixiene persoal e doméstica, produtos non perecedoiros, auga, leite, mantas e roupa de abrigo. En concreto, o concello valenciano solicitou o envío de botas de auga que foron adquiridas no comercio local de Mondariz. Isto grazas ás aportacións económicas da veciñanza por medio da asociación de veciños Xabriña e da asociación deportiva Mondariz.

Sandra, César e Juan son os condutores profesionais que levarán estas toneladas de solidariedade ao polígono de Almussafes acompañados do concelleiro de Servizos Sociais de Mondariz. Nestes tres camións tamén viaxa a solidariedade das veciñanzas dos concellos de A Lama e dos Moteiros do Morrazo. Ademais, o compromiso social das empresas de transportes Gayoso, Cooperativa de Lérez e Carmelo así como o de Aguas de Mondariz, Tesis, Dosigal, Bopapel, Darlim, Restaurante Castelo e Distribuciones las 24 horas. Unha vez no polígono industrial recibirán as ordes do Concello de Sedaví que se encargará da distribución.

Puntos de recollida solidaria

Tanto no concello de Mondariz como no de Ponteareas habilitáronse varios puntos de recollida. Deste modo, respondeuse de xeito áxil tanto as e os traballadores municipais como a cidadanía de ámbolos dous concellos. Alcaldesa e alcalde queren agradecer a pronta resposta dos cidadáns, traballadores e voluntarios que dedicaron a fin de semana a recoller, empaquetar e cargar. Tamén agradecen ás concellarías de Servizos Sociais, Seguridade e Emerxencias e Voluntariado.

Tanto na escola municipal de música de Mondariz como no centro de servizos sociais de Ponteareas mantense aberta a recollida. A recolección é de produtos non perecedoiros, botas de auga, materiais de hixiene persoal e material de limpeza. Actualmente, non se recollerá roupa nin alimentos perecedoiros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS