As comarcas do Condado e a Louriña espertaron está mañá con diversas consecuencias por mor das fortes choivas e rachas de vento que truxo consigo o temporal Kirk.
Os concellos das comarcas traballan a reo para restablecer o antes posible a normalidade ante as moitísimas indicendias que experimentaron esta noite. Árbores caídas, tendidos eléctricos e cunetas atascadas foron as grandes consecuencias. Tamén algún vehículo atrapado por árbores caídas. Por sorte, e polo de agora, non hai que lamentar danos persoais.
“Temos tres reténs de traballadores solucionando averías por todas as parroquias do municipio, e á Policía Local transitando por outras zonas e recollendo novas incidencias” sinalaba Jose Manuel Alfonso, alcalde de As Neves.
Pola súa banda, a Policía Local de Salceda afirmaba ter recibido “bastantes incidencias en tendidos eléctricos de alumeado público e árbores caídas” e aseguraba que “irían reestablecendo o tráfico segundo se foran solucionando as problemáticas”.
Do mesmo xeito, a Policía Local do Porriño informaba de que “a maior parte das indicencias son de árbores caídas sobre estradas e algún vehículo” e enfatizaba que “por sorte, non recibiron ningún aviso de danos persoais”.
O Concello de Ponteareas atópase entre os municipios con maior número de incidencias, segundo os datos do 112, xunto aos municipios de Pontevedra, Marín, Vigo, Padrón, Ribeira e Rianxo.
Agárdase que as rachas de vento remitan ao longo da mañá de hoxe, aínda que as choivas van a continuar en toda a comunidade. As autoridades piden máxima precaución.


