O Concello de Mos vén de dar a benvida aos profesionais de enfermaría especialistas en Enfermería Familiar e Comunitaria que están a realizar parte do seu itinerario formativo no Departamento de Servizos Sociais municipal, no marco do convenio de colaboración entre o Concello de Mos e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Esta colaboración permite que as profesionais en formación incorporen á súa preparación a perspectiva social e comunitaria da atención, coñecendo de primeira man o funcionamento dos Servizos Sociais e os recursos existentes no municipio para atender as necesidades de persoas e familias.
Dito convenio entre ambas administracións ten como finalidade establecer a colaboración para o desenvolvemento do itinerario formativo das especialistas en Enfermería Familiar e Comunitaria pertencentes ás unidades docentes multiprofesionais de atención familiar e comunitaria da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo.
Durante a súa estancia formativa no Concello, coñecen e participan nos servizos sociais comunitarios de Mos e nos recursos dispoñibles para persoas e familias en situación de vulnerabilidade ou necesidade. Tamén traballan aspectos relacionados coa coordinación entre os distintos niveis asistenciais, a prevención e a identificación das diferentes problemáticas sociais.
O documento fixa, entre os seus obxectivos específicos, valorar a importancia do traballo interdisciplinar na atención comunitaria e social, mellorar a información sobre os recursos sociais que reciben as familias e usuarios e favorecer a comunicación entre os diferentes niveis asistenciais.
A alcaldesa, Nidia Arévalo, destacou durante o encontro a importancia de que “os profesionais da saúde completen a súa formación incorporando o coñecemento do ámbito social e dos recursos municipais, especialmente nun modelo de atención no que a realidade das persoas atendidas require coordinación entre os diferentes servizos”.
No encontro estiveron tamén presentes Clara Guede Fernández, xefa de estudios da Unidade Docente Multidisciplinar de atención familiar e comunitaria de Vigo; e María Rey Grandal, presidenta da subcomisión de enfermería de atención familiar e comunitaria de Vigo.

