viernes, diciembre 6, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoA gobernanza e o liderato educativo estarán a debate na Eurocidade Tui-Valença

A gobernanza e o liderato educativo estarán a debate na Eurocidade Tui-Valença

A apertura deste seminario Galicia-Portugal terá lugar mañá mércores, ás 16.30 horas ES, na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença a cargo das autoridades de Tui e Valença, da OIE e da Xunta de Galicia

“Gobernanza e liderato educativo” é o título do Seminario Galicia-Portugal que mañá mércores e o xoves se vai celebrar na Eurocidade Tui-Valença. Esta actividade enmárcase no Convenio de Colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e a Organización de Estados Iberoamericanos (OEI). A organización prevé o desenvolvemento de accións conxuntas que permitan a adecuada promoción da cultura iberoamericana e a internacionalización da educación. Tamén á gobernanza e o liderado educativo e a transformación dixital dos sistemas educativos. Esta acción conta coa colaboración do Concello de Tui, da Cámara Municipal de Valença, e do Centro de Formación do Val do Miño.

A apertura do seminario terá lugar mañá mércores, ás 16.30 horas españolas, na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença. O inicio estará a cargo das autoridades de Tui e Valença, da OIE e da Xunta de Galicia. A continuación, António Sampaio da Nóvoa, Cátedra UNESCO – “Futuros da Educação” – Universidade de Lisboa (Portugal) impartirá a conferencia “Liderato escolar: a relación entre liderato, poder e democracia”.

Máis tarde, ás 17.30 horas españolas, terá lugar a primeira mesa redonda co título “O papel da inspección en Educación e a Gobernanza das Escolas”. O debate contará coa intervención de Jorge Sarmento Morais, Inspeção Geral da Educação e Ciência de Portugal. Tamén participarán Alexandre Ventura, Professor Associado da Universidade de Aveiro, e Marcos Rodríguez Bravo, Funcionario del Cuerpo de Inspectores de Educación de Canarias.

Por outra banda, ás 18.20 horas de España, celebrarase unha segunda mesa “Liderato compartido: retos e oportunidades” na que intervirá Ariana Cosme, Inspetora-geral da Educação e Ciência de Portugal. Así mesmo, participará Julián López Yáñez, Catedrático na Universidade de Sevilla e Coordinador da Rede de Investigación en Liderato e Mellora da Educación (RILME).

O seminario continuará en Tui

O xoves o seminario continuará no Hotel Alfonso de Tui, co inicio ás 11.15 horas españolas da mesa “Liderato educativo democrático”. Javier Murillo, Profesor, Investigador e Director do Instituto de DDHH, Democracia e Cultura de Paz na Universidade Autónoma de Madrid estará presente neste debate. Así mesmo, participarán na mesa Carlos Louro, Membro da Comissão Permanente do Conselho das Escolas e Diretor do Agrupamento de Escolas Ponte da Barca e Maria Assunção Flores, Conselho Nacional de Educação de Portugal.

A continuación, ás 11.45 horas de España, terá lugar a cuarta mesa de diálogo prevista no seminario. O tema será “Formación para o liderato escolar: capacitar para o liderato organizativo, control e rendición de contas”. Participará José Alberto Hernández Gañán, Xefe do Servizo de Programas de Formación na Dirección Xeral de Centros e RRHH da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP de Galicia. Ademais, interveñen José Carlos Barros Pardo, Inspector e Subdirecctor Xeral de RRHH da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP de Galicia e Maria Luísa Oliveira, Diretora- Geral de Administração Escolar do Ministério da Educação, Ciência e Inovação de Portugal. Tamén estarán Jorge Oliveira Fernandes e Luís Fernandes.

A continuación ás 13.45 h ES o tema a tratar será “Xestión e burocracia nos procesos de dixitalización nas escolar”. Contará coa participación de Juan Manuel Paz Valle, Xefe do Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección da Educación de Galicia. Tamén intervirá Manuel António Pereira, presidente da Associação Nacional de Diretores Escolares (ANDE).

Pola tarde, ás 16.30 h celebrarase a sexta e derradeira mesa de diálogo “Experiencias de éxito de liderato escolar España-Portugal”. A clausura deste Seminario “Gobernanza e liderato educativo” terá lugar ás 17.45 horas españolas a cargo das autoridades de Tui, Valença, OEI e da Xunta de Galicia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS